Agustín Pérez, naturalista:

"O lobo debería ser unha especie protexida"

Agustín Pérez. Foto: Laura Veiga

O naturalista con máis de 18 anos de experiencia no traballo de campo co lobo ibérico na Galiza dá resposta a preguntas habituais sobre a polémica xerada arredor desta especie. 

Na Galiza, os gandeiros aseguran que morren unha media de 600 pezas de gando ao ano polos ataques dos lobos ás granxas. Para indemnizar estas perdas, a administración ofrece axudas aos gandeiros e autoriza batidas de caza para frear os ataques. Por outra banda, os naturalistas explican que, nesas batidas autorizadas, os lobos que morren non superan o ano de idade. De sobrevivir, a súa esperanza de vida no territorio galego apenas chega aos 16 meses, mentres que, nun estado salvaxe e cando non se permite a súa caza, é de 8 anos. En catividade poden chegar até os 16 anos debido á protección que recibe ante as batidas de caza. 

 

-Como explicarías a polémica que hai entre os gandeiros e os naturalistas?

 

-Eu creo que a controversia que hai é que o lobo convive co gandeiro e prodúcelle ataques e se os gandeiros non toman as medidas de protección adecuadas, ou non toman ningunha, hai un choque. Claro, non vamos a quitar o lobo para que o gandeiro teña libre o campo. Hai que intentar convivir, e sobre todo, o gandeiro ten que saber que está a convivir con depredadores. Eu poño sempre un exemplo, cando temos unha cafetería, poñemos xanelas para non deixar o local aberto. No campo, non vamos a cercar todo, pero hai outro tipo de medidas de protección: mastíns, pastores eléctricos, recollida do gando pola noite.

 

-Cal é a situación do lobo en Galiza? Segue en perigo?

 

-En Galiza temos 90 manadas, 76 propias e 14 compartidas con Asturias, León e o norte de Portugal. É un número aceptable, pero é un número que non medra realmente. Hai moitas manadas que se reducen nos meses de setembro, outubro e novembro, especialmente pola caza furtiva. Por isto, é unha especie que ten ciclos: recupera exemplares na época de cría, pero o pouco que avanza, volve a retroceder, especialmente, nos meses de caza.

 

-Segundo a Xunta, o lobo é o responsable dunha media de 600 mortes de gando ao ano. É certa esta cifra? Está a medrar?

 

-Segundo eses datos, a cifra está a medrar, pero non medra porque haxa máis ataques, penso que medra porque se están a facer máis denuncias que antes, que non se facían porque non había as axudas nin os medios que hai agora. Ademais, si, o lobo fai danos, pero por que depreda nunha zona? Porque non hai ningunha medida preventiva. Se hai un lobo que está por alí e ve todos os días que pode pasar sen problema, por que non o vai a facer?  Ese é un pouco o xogo que hai que facer, e saber firmemente que se convive con animais depredadores, xa que na Galiza no 94% do territorio hai lobos.

 

 

-Por que hai cifras tan dispares a respecto dos ataques?

 

-Depende do que queiras vender, utilízanse cifras globais, quizais a nivel estatal, polo que a porcentaxe é baixa, ou utilízanse cifras máis concretas, de zonas onde proporcionalmente hai moitos ataques, ou moitas máis denuncias. Pero volvemos ao mesmo, todo increméntase se non hai ninguén que se preocupe de tomar medidas, para min é a base de todo, se eu protexo, vou a reducir as miñas perdas. Podo ter algunha perda, pero os ataques hanse reducir, e para iso están as axudas. Aínda así, as axudas si que deberían chegar en 15 días, máximo un mes. Penso que hai que levar as novas tecnoloxías ao campo, igual que está a policía local e que aos 15 días xa teñas a multa na casa. No campo debería haber uns axentes que estean capacitados, que vaian e verifiquen que foi un ataque de lobo, e, en lugar de facer un papeleo interminábel, pasar ao rexistro que ten cada gandería os animais mortos e aos 15 días cobrar; e cobrar realmente o que ten que cobrar. As axudas actuais ou tardan moito ou son insuficientes ou, en moitos casos, nen sequera se aproveitan correctamente porque o gandeiro non recibe a información suficiente. Nin lle informan nin está pendente diso, porque loxicamente non é o seu traballo, el estará pendente do seu gando. Pero a administración non pon os medios enriba da mesa para dicir “hai que asesorar, hai que informar…”. Trátase de facer que o gandeiro non se sinta só.

 

-Dise moito que a prohibición dos vertedoiros de animais mortos foi decisiva, pero até que punto?

 

-Inflúe bastante porque os lobos aproveitan todo e a súa alimentación é moi variábel. Se antes había muladares ou zonas onde se tiraban restos de animais de gandaría e non tiñan que ir ao crematorio, eran aproveitados polos lobos e era un punto de alimentación importante. Como a día de hoxe iso non se permite, reduce a oportunidade de obter alimentación sen atacar as granxas. A verdade que é un alimento que é unha pena non aproveitar, total, que facemos con el? Queimalo por unha enfermidade que fai 15 anos foi moi mediática e agora non hai nada? Porque non só o lobo se aproveitaría de todo ese alimento, tamén os raposos ou os xabarís. Eu penso que iso debería recuperarse, pero supoño que é difícil tamén polos propios mecanismos da industria, postos de traballo…  

 

As axudas ou tardan moito ou son insuficientes ou, en moitos casos, nen sequera se aproveitan correctamente porque o gandeiro non recibe a información suficiente.

 

-Nos anos 70, o lobo estivo a piques de desaparecer e agora teñen un código xenético moi limitado.

 

-Ao estar nunha península, que ao cabo é unha zona reducida e cun acceso limitado, os lobos que hai reprodúcense entre eles, e a endogamia si que leva a certos problemas. O ideal sería comunicar zonas nas que non haxa lobos ou nas que se podan intercambiar. E realmente ás veces habería que ser atrevido e retirar individuos vivos e levalos a outra zona onde exista un alto índice de herbívoros, é algo moi delicado, non se pode facer á lixeira, pero xa o facemos cos linces. Pero aínda así, o importante é abrir corredores verdes a través dos cales os lobos podan cruzar e comunicarse. Estes corredores poden ser a parte superior dos túneles das vías de alta capacidade, ou os pasos elevados das autoestradas.

 

-É habitual que se confundan ataques de cans abandonados con ataques de lobos?

 

-Eu nos 18 anos que levo traballando, o que percibín sempre foron ataques de lobo. Téñome atopado cans, pero comendo carne que xa estaban mortos. Se vas a analizar un can morto e coñeces o sitio, podes detectar se están os cans, son animais que se deixan ver máis, non se agochan tanto. Ademais, a forma de matar é distinta, un can non ten a suxeición que ten un lobo para derrubar os animais.

 

-Acúsase dos ataques á má xestión do rural galego, xa que agora chegan até onde antes non chegaban.

 

-É verdade que as pradarías que se converteron en plantacións de eucaliptos fan que os animais teñan maior cobertura vexetal, pero é o que dicía antes, aquí en Galiza, o lobo, salvo que viva na alta montaña e teña acceso a animais silvestres do tipo do corzo ou o cervo, está ao noso lado, a cen ou a cincuenta metros e se cadra nin te das de conta de velo. Isto ocorre porque xeramos desperdicios que para eles son alimento. Nós temos atopado residuos ás tres da tarde e volver ás seis e xa non están, cando supostamente non había lobos por aí, pero co olfacto que teñen e a velocidade á que se desprazan, chegaron. O lobo sempre conviviu co rural, que agora dise moito que se ve polo día cando antes non. É certo que o seu movemento habitual é pola noite, pero ás veces tamén está polo día, non é nada novidoso. Cando dicimos que hai moitísimas denuncias pensamos que ten que haber moítisimos lobos, cando ao mellor, só hai dous lobos, o que pasa é que se despraza unha media de 12 ou 15 quilómetros diarios. Se cadra, velos nunha poboación e ao volver a casa pola outra volves a velos, e pensas que hai moitos cando en realidade son os mesmos.

 

-Europa di que o lobo debería ser unha especie protexida.

 

-Eu penso que si que debería ser unha especie protexida, aínda que aquí en Galiza considérase unha especie cinexética. Cando hai danos, constatados polos axentes, permítese a batida, tamén un pouco pola presión social que pode existir dende os grupos de gandeiros. Pero ao final estamos no mesmo de sempre, permítese a batida, pero non se consegue nada. Co que conseguimos algo é freando a batida, preguntando aos gandeiros que medidas están tomando e as veces che responden “é que eu non quero cercar o campo, é que eu non gardo o gando pola noite, é que eu cando nacen as crías non as atendo”... Pois van ter un problema, porque se cadra agora non hai lobo, pero nuns anos si o vai ter ao lado. Hai unha clara falta de concienciación. O lobo o que fai é marcar os lugares nos que pode alimentarse, e se ve que non se están a tomar medidas e que pode entrar sen perigo, vai atacar.

 

-Esa falta de conciencia á que te refires é algo habitual?

 

-É habitual porque a xente é co que traballa, pero ninguén foi a dicirlle “tes que poñer estas medidas”. A xente nova que entra, ou a xente que se preocupa en formarse ou recibe asesoramento dende agrupacións de gandeiros, si as toma. Está claro que podes ter algunhas perdas, sempre hai algún despiste, pero se tomas medidas as perdas baixan. A min tenme pasado de visitar granxas, por propio interese, e dicirme algún gandeiro que o do lado puxo mastíns e os lobos xa non lle atacan e a el si, cando el ten unha parte da granxa aberta. Un tempo despois, deulle unha volta, e acabou pechando todo.

 

Eu penso que o lobo debería ser unha especie protexida. Permítese a batida no canto de preguntar aos gandeiros que medidas están tomando. Hai unha clara falta de concienciación.

 

-Nas batidas de caza, os lobos que se matan teñen menos dun ano de vida.

 

-A partir de outubro ou novembro, o grupo comézase a desperdigar, e os lobos máis novos non coñecen aínda todo o que lles vén enriba, están aprendendo e se cadra coinciden nunha batida. Eu penso que é unha equivocación, porque antes de facer a batida podemos ver como está o entorno. Debería darse unha batería de medidas que de verdade se puxera no campo, non que quedaran no papel. O ideal sería establecer medidas que os gandeiros podan efectuar, cunhas subvencións axeitadas, quizais engadir bonificacións na declaración da renta para aqueles que cumpran as medidas e penalizacións para os que non. Pero estas cousas hai que explicalas, ir a xunta deles, non facer un tríptico. O que hai que facer é achegarse ao gandeiro, porque pola experiencia que eu teño, están un pouco abandonados, tanto co tema do lobo coma con outros. Eu penso que non se toma en serio nin o lobo nin a natureza nin a convivencia co gandeiro.

 

-Por que pensas que hai esta falta de interese cara á natureza en xeral?

 

-Porque a temos ao lado e non lle damos importancia, pero de repente hai unha moda de respectar a natureza, sacan cousas todos os medios e a administración toma un par de medidas para demostrar que está aí, pero toma medidas a nivel de tomar a foto e cando pasan dous días xa se rematou todo. Aínda que hai veces que é mellor que non estea, porque toca algo e de súpeto nunha zona na que había un bosque precioso hai máis accesos, pistas de madeira… E se cadra era mellor coma estaba antes.