Damián Romay: "Animamos a naturalistas a identificar espazos nos seus concellos para seren declarados de interese local"

As illas de San Pedro, fronte ao Portiño, no concello da Coruña (Imaxe: C. D. Romay)
O arquipélago das illas de San Pedro, no municipio da Coruña, vén de ser declarado definiivamente como ben natural de interese local. Unha figura que non implica a súa incorporación na rede de espazos protexidos, pero que é moi útil para "a xestión dos valores naturais".

Coa cidade da Coruña ao lonxe, ao pé dos montes de San Pedro, Cortigueiro e Bens e fronte ao Portiño afloran as illas do Vendaval, do Pé, As Tres Illas, O Aguillón e os illotes dos Fernandiños, o Rompedeiro e o Merlón. O arquipélago, máis coñecido polo título conxunto das illas de San Pedro, vén de ser declarada oficialmente espazo natural de interese local (ENIL).

O grupo naturalista Hábitat vén traballando desde hai anos neste espazo, estudando a súa fauna e flora. “A figura do ENIL é  moi útil a nivel local para a xestión dos valores naturais, como por exemplo á hora de redactar un plan xeral de ordenación urbanística”, apunta un dos seus integrantes, o biólogo Damián Romay, quen matiza que esta declaración non comporta a inclusión na Rede galega de espazos protexidos. Tampouco a achega de recursos económicos por parte da Xunta para a súa xestión ou conservación.

A declaración provisional fora anunciada no mes de novembro de 2017. Neste tempo, o Concello da Coruña traballou na redacción dun Plan de conservación do espazo. O documento incorporou as achegas da Sociedade Galega de Ornitoloxía e mais de Hábitat.

“Nun radio de 100 metros de arredor das illas temos rexistrado 62 especies de aves, 25 de peixes, 2 de mamíferos terrestres, unha dun mamífero mariño e unha especie de réptil”, enumera Damián Romay para dar conta do traballo do colectivo naturalista. E non só, a catalogación inclúe 35 especies de plantas e 25 de algas. A investigación, aínda inacabada, focalízase na actualidade nas especies de invertebrados mariños e terrestres.

Gaivotas e corvos mariños

A raíña do arquipélago é, sen dúbida, a gaivota patiamarela. Damián Romay describe unha colonia formada por unhas 60 parellas cun comportamento “semi-urbanita”. As aves aliméntanse de xeito natural, a diferencia das súas veciñas afincadas na urbe herculina, combinando o aproveitamento da actividade pesqueira cando seguen aos barcos co dos descartes da planta de xestión de residuos de Nostián.

Para o seu estudo Hábitat contou coa colaboración de ornitólogas e ornitólogas. “Desenvolvemos unha campaña de marcaxe e rastreamos os movementos dalgúns exemplares até o sur de Portugal ou Asturias”, conta o biólogo de Hábitat.

Outra especie que o colectivo naturalista observa con interese é o corvo mariño cristado. “Trátase dunha especie catalogada como vulnerábel no rexistro de especies ameazadas”, apunta Romay, engadindo que os intentos de aniñar desta ave non frutificaron. “Pensamos que foi debido a molestias causadas polas ratas ou por algún carnívoro que se desprazou a illa”, expón.

As ameazas deste espazo

As principais dificultades da conservación deste espazo están ligadas á súa propia localización, próxima a dous portos exteriores, o da Coruña e mais o de Ferrol, así como á propia cidade da Coruña. “Un dos problemas é o uso recreativo de quen desembarca nas illas para pescar ou de excursión”, salienta Damián Romay. O desprazamento de especies invasoras introducidas pola man humana como a uña de gato ou a margarida do cabo supón outra ameaza.

Rey celebra a aprobación definitiva da ENIL como un paso máis na conservación das illas de San Pedro, e avanza que Hábitat traballa na aprobación desa mesma figura na área dos montes de San Pedro, Cortigueiro e os Castelos.

“O noso lema é ‘estudar para conservar’ e é un gusto para nós que iniciativas como esta cristalicen. Animamos a naturalistas galegos a identificar espazos coma este nos seus municipios e a aportar os datos que xustifiquen declaracións similares”, conclúe Romay.