Adega desminte "descontrois" na fauna salvaxe e reclama a fin das excepcións á caza

xabaril
O colectivo asegura que o confinamento da poboación non tivo repercusións no comportamento da fauna salvaxe e negan que a actividade cinexética sexa a solución para o control da mesma. Acusan a Xunta e mais ao sector de difundir un discurso de "medo" respecto a determinadas especies coma o xabaril.

Na Galiza, tras a declaración da emerxencia sanitaria pola Xunta en marzo suspendéronse os mercados de alimentos tradicionais e acoutouse o desprazamento ás hortas de autoconsumo a 500 metros. Ao tempo, as normas relativas á caza sufriron diversas modificacións desde a prohibición total até a aprobación dunha serie de excepcións criticadas por colectivos ecoloxistas.

Unha orde do 21 de marzo levantou parcialmente o veto á actividade cinexética, permitindo certas accións  como “medida de control” previa autorización das xefaturas territoriais da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ditas excepcións están ligadas a danos á agricultura, aos accidentes de tráfico reiterados nun punto concreto e ligados á colisións con animais ou ao control de determinadas enfermidades. E a un papel, o de controladores da biodiversidade, defendido polo sector cinexético.

Esta decisión foi denunciada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, que asegura que a poboación do xabaril, a principal especie afectada polas excepcións, "non está descontrolada", senón carente dun plan de xestión.

Adega nega que a poboación de xabaril estea "descontrolada"

Desde Adega afirman que a corentena non tivo efectos perceptíbeis sobre outras especies fauna salvaxe. E engaden que vídeos que circulan polas redes sociais amosando individuos de especies salvaxes en urbes ou vilas dan testemuña dun feito puntual. “É unha irresponsabilidade concluír por eles que existe unha situación de cambios de comportamento na fauna derivados do confinamento”, din.

O colectivo ecoloxista denuncia á Xunta da Galiza e mais ao sector da caza de difundir un "discurso de medo" e "odio" respecto a certas especies da fauna salvaxe. "Desmentimos que a caza e a pesca axuden a controlar a biodiversidade", argumentan, apostando en troques por unha xestión avalada "por criterios científicos".

O colectivo reclama unha xestión da fauna avalada por criterios científicos

Desde Adega reclaman a elaboración dese plan específico para o porco bravo e de xeito independente do sector da caza. "Esta por si soa non vai mitigar, nin agora nin nunca, os danos nas colleitas ou os accidentes de tráfico", resolven as súas integrantes.

"Por fortuna, non vivimos nun entorno ambiental ‘esterilizado’ e libre de animais, contando Galiza cunha rica biodiversidade de fauna e flora, que deberíamos valorar como un ben de extraordinario valor e de extraordinaria riqueza", valoran as integrantes do colectivo ecoloxista.