Ecoloxistas piden a prohibición da caza da rula

Rula (Streptopelia turtur)

Solicitaron no Comité Galego de Caza unha moratoria na captura desta especie.

Varias asociacións ecoloxistas (Adega, Ecoloxistas en Acción, GN Hábitat, SEO/BirdLife, SGHN, SGO e Verdegaia) propuxeron na reunión telemática do Comité Galego de Caza unha moratoria á caza da rula (Streptopelia turtur). Neste comité escoitáronse as distintas propostas para o establecemento dos períodos hábiles de caza para a tempada 2020-2021 nas distintas modalidades.

Até o de agora, a caza da rula estaba permitida na media veda no espazo natural protexido da Limia. Para as ecoloxistas isto desatendía os requirimentos da Comisión Europea e numerosas demandas das cidadán e das entidades conservacionistas para que se prohiba definitivamente a súa caza e se declare especie protexida.

Asturias, Cantabria, Canarias, Euskadi e Valencia xa prohiben a caza desta especie

Rede Natura

A Limia está integrada na Rede Natura, sendo declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta no ano 2009, recollendo o mandato da Directiva Aves da Unión Europea de crear espazos de protección para as aves.

O Goberno galego ven permitindo a caza da rula en 9 concellos da Limia entre finais de agosto e mediados de setembro, período chamado media veda, denuncian as ambientalistas.

“Nos últimos cinco anos o número de rulas foi en promedio un 60 % inferior ás cifras previas ao inicio da súa caza na media veda hai 17 anos, segundo datos do programa SACRE de seguimento de aves na península ibérica”.

Segundo datos oficiais, dende o ano 2014 téñense cazado nela 3.870 rulas, “deteriorando severamente a súa poboación nun dos poucos enclaves galegos nos que aínda atopa un hábitat axeitado para procrear e, consecuentemente, hpodendo vulnerar a citada directiva e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade.

Ademais da caza da rula, neste período da media veda, vense permitindo a caza do paspallás no espazo natural protexido, cando se ten constatado que nesta época aínda están criando os polos das postas tardías. Nos últimos 6 anos téñense cazando 50.172 paspallás na ZEPA da Limia

Na plataforma Change.org está aberta unha campaña de recollida de sinaturas en favor da prohibición da caza da rula. No momento de redactar estas liñas teñen asinado máis de 48.240 persoas.