Adega: "As eólicas queren repetir a tola carreira por ocupar o espazo mariño como xa fixeron na terra"

Parque eólico mariño en Bélxica. (Foto: Europa Press)

Adega critica que non se agardase á aprobación do Plan de ordenación do espazo mariño, que tramita o Goberno estatal, e se comezara a tramitación de dous parques eólicos de Iberdrola fronte á costa galega. “As eléctricas pretenden repetir a tola carreira por ocupar o espazo mariño tal como xa acontecera na terra, e as Administracións galega e estatal están a deixarlles facer”.

Adega advirte de que o desenvolvemento da enerxía eólica mariña e por extensión das renovábeis no mar (undimotriz, mareas...) carece dunha planificación propia, “non hai unha norma tipo plano sectorial que estabeleza as áreas aptas, as condicións de desenvolvemento, os criterios de exclusión, as interaccións con outras actividades...”.

“Tan só no Plano de ordenamento do espazo marítimo (POEM), arestora no período de consultas previas por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, se fan referencias ao desenvolvemento da eólica mariña nos mares do Estado”, continúa a asociación ecoloxista, que opina que “sería de interese que, se non para a eólica en exclusiva, cando menos para a xeración de renovábeis no mar houbese unha planificación e desenvolvemento normativo propio”.

O precedente da eólica terrestre

“Mesmo asumindo como válido o instrumento do POEM, resulta inaceptábel que se autorice o inicio da tramitación de dous proxectos eólicos mariños sen sequera terse aprobado o Plan”, expresa Adega, que lembra que cando en 1997 se aprobou o Plan sectorial eólico, “xa fora adxudicado a totalidade do recurso que se implantou na Galiza até o ano 2009”.

“Só por este grave déficit de planificación nada casual, que só beneficia as empresas do oligopolio eléctrico, rexeitamos de plano o aproveitamento da eólica mariña nas costas galegas e españolas”, sinala.

Adega denuncia que “practicamente toda a plataforma continental galega amosa un recurso eólico susceptíbel de ser aproveitado” no citado plan. “Descártanse aquelas áreas protexidas a nivel estatal e autonómico, así como corredores marítimos, accesos portuarios, servidumes de navegación aérea.... E nunha terceira secuencia, considéranse outros valores ambientais mais non se exclúen do aproveitamento eólico estas áreas senón que actuarán como condicionantes na fase de avaliación dos proxectos puntuais que se presenten”.

“Desde Adega lamentamos a enorme miopía do Ministerio ao esquecer que pola costa galega discorren algúns dos corredores migratorios de aves e cetáceos máis importantes do mundo”, afirma Adega.

“Planificar os polígonos eólicos entre áreas protexidas e no medio dos corredores migratorios e pensar que as aves van facer "slalom" entre os muíños de ZEPA en ZEPA é simplemente un insulto á intelixencia, alén de conculcar de plano a Directiva 2009/147 CE de Aves. Outro tanto ocorre para os cetáceos: considéranse excluídas do aproveitamento eólico só as áreas críticas de cinco especies, cando nas augas galegas están presentes nada menos que 24, 9 frecuentes, existindo ademais un importante descoñecemento dos seus movementos”.

Pesca artesanal

Tamén carga Adega contra o feito de que a pesca artesanal non sexa considerado un factor de exclusión, nin sequera limitante, á hora de estabelecer as áreas de aproveitamento eólico.

“Desde Adega exixímoslle ao Ministerio que paralice a tramitación de calquera parque eólico mariño mentres non se elabore unha planificación normativa propia para o aproveitamento enerxético nas augas de competencia estatal”, conclúe a asociación ecoloxista.

A respecto da Xunta da Galiza, Adega pon de manifesto que "semella que quere permanecer de perfil fronte a esta problemática traspasándolle a responsabilidade ao Ministerio. Porén, no Parlamento, PP e PSOE veñen de rachar o consenso de 2009 en contra da eólica mariña, acordando promover a súa implantación na costa".