sábado 19/06/21

Iberdrola solicita o alcance ambiental para dous parques de eólica mariña fronte á costa galega

Ambos os dous suman case 1.000  MW

Parque eólico mariño ao norte de Europa
Parque eólico mariño ao norte de Europa

Iberdrola solicitou perante o Ministerio de Transición Ecolóxica o alcance ambiental de dous parques de enerxía eólica mariña de 490  MW cada un fronte á costa galega, os proxectos San Cibrao e San  Brandán.

Fontes do ministerio consultadas por Europa  Press confirman esta petición que avanza ' Galiciapress' e que se rexistrou a semana pasada, segundo apunta Transición Ecolóxica.

En concreto, o parque eólico mariño flotante San Cibrao contempla unha potencia total de 490  MW e a súa liña de evacuación a subestacións en terrestres na Galiza.

O parque eólico mariño flotante San Brandán ten, igualmente, cunha potencia total de 490  MW e a súa liña de evacuación a subestacións en terrestres na Galiza.

O alcance ambiental é un paso voluntario e previo á tramitación propiamente dita dos proxectos, "polo que non compromete nin os promotores nin a administración", resaltan as fontes do departamento de Teresa Ribeira.

"O resultado deste proceso é un informe de alcance ambiental elaborado pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que establecerá o contido que, a xuízo da administración, debe conter o estudo de impacto ambiental que deberá presentar o promotor cando realice a solicitude de autorización administrativa do proxecto", sinala.

A Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), a patronal do sector, presentaba en maio o Estudo preliminar sobre o potencial da enerxía eólica mariña, no que analiza as posibilidades que ofrece a costa galega para o aproveitamento eléctrico.

Para o presidente de Asime, Justo Sierra, esta podería ser "unha oportunidade sen precedentes" para Galiza. "É unha industria que pode ser chave para afrontar os retos que se nos presentan, como reducir a dependencia enerxética doutros países, dar resposta ao incremento no consumo eléctrico e contribuír á descarbonización", dixo, e afirmou que a pregunta "non é se debemos implantala", senón "onde e como". "Podería xerar no país até 5.000 empregos directos de aquí a 2030, e chegar a producir 17.000 xigawatts", engadiu.

Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), expoñía daquela a Nós Diario os "dous principais problemas" que poderían implicar estas instalacións: "En primeiro lugar, as zonas pouco profundas nas que se poderían ancorar os aeroxeradores adoitan ser dunha alta produtividade biolóxica e moi importantes para a conservación dos recursos mariños, polo que poderían entrar en conflito cos intereses pesqueiros. E, por outra banda, toda a costa galega é zona de paso de milleiros de aves mariñas, até 5.000 por hora".

Fontes da Federación Galega de Confrarías consultadas por este xornal afirmaban que a Xunta aínda non lles comunicou os detalles pormenorizados do proxecto, mais advirten das súas "liñas vermellas": "Nós non temos ningún inconveniente, sempre e cando non teña consecuencias sobre a nosa forma de traballo ou a biodiversidade".

comentarios