O panorama repetiuse máis unha vez. Centros de ensino vacío e milleiros de estudantes reclamando nas rúas o dereito a un ensino público, gratuito e en galego. Unha xornada de folga convocada nun primeiro momento por Comités e Galiza Nova, que foi apoiada por outras organizacións como CIG-Ensino, Plataforma galega en defensa do ensino público, Liga estudantil e Agir, preto 10 mil persoas secundaron as 23 mobilizacións marcadas nas principais cidades e vilas do país para berrar en contra dos recortes e das políticas de agresión á educación aplicadas polo PP tanto na Xunta como no goberno español.
O primeiro paso dérao o alumnado galego hai unha semana, o 11 de outubro, cadrando co Día internacional de loita estudantil, unha xornada en que miles de persoas se botaron ás rúas para denunciar os recortes na educación e a xestión do goberno de Feijóo nestes tres anos de lexislatura, evidenciando a dependencia de Madrid ao non desenvolver Jesús Vázquez unhas competencias que están practicamente transferidas na súa totalidade.
Jorquera móvese co estudantado na Coruña
O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, fixo parte da mobilización na Coruña, onde chamou ao voto da mocidade "por unha forza política que vai ser insumisa cos recortes". Dixo o nacionalista que meter a tesoura neste dereito fundamental "é entregar unha maleta para que se gañe a vida despachando copas en Londres".
Opinou Jorquera que minguar o orzamento da educación "responde a unha aposta do PP para que exista un ensino para ricos e outro para pobres", sinalando o beneficio que reciben os centros privados en detrimento dos públicos. Fronte a estas políticas, o candidato do BNG defendeu aqueloutras que doten de "máis calidade" o ensino público para que a xente moza "poida vivir e traballar dignamente" na Galiza.