65 asociacións de xornalistas de todo o Estado exixen á CRTVG que "cumpra a lei"

Sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela) #tv #televisión #radio #crtvg #tvg #radiogalega #xornalismo (Foto: Nós Diario)
Asociacións de xornalistas integradas na Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE) asinaron unha carta dirixida ao Consello de Administración da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) na cal demandan a posta en marcha de organismos profesionais en favor do pluralismo como o Consello de Informativos e o Estatuto de Redacción.

Até 65 asociacións de xornalistas integradas na Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE) asinaron unha carta dirixida ao Consello de Administración da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) na cal demandan a posta en marcha de organismos profesionais en favor do pluralismo como o Consello de Informativos e o Estatuto de Redacción.

A decisión foi tomada na recente asemblea anual da FAPE, decorrida en Arrecife (Lanzarote).

A misiva, que vai encabezada coa firma do presidente da FAPE, Miguel Ángel Noceda, formula, argumenta e demanda á CRTVG o cumprimento completo da Lei de Medios de Comunicación Públicos da Galiza (Lei 9/2011) que reestrutura o sector na Galiza con diversos preceptos relativos á súa organización, orzamento, dixitalización etc., pero tamén subliña medidas como a elección do director xeral por maioría cualificada (2/3) do Parlamento galego, a posta en marcha do Consello de Informativos e a creación dun Estatuto de Redacción, disposicións legais que até a data, -desde hai 12 anos-, non se implementaron aínda.

A reclamación dos xornalistas da FAPE destaca tamén que as normativas estatutarias dos medios audiovisuais públicos no Estado español, tanto estatais como galegos, salvagardan e fomentan a garantía de imparcialidade e servizo á sociedade civil.

A nivel europeo, subliñan “o recente debate comunitario coa Lei Europea de Liberdade dos Medios (European Media Freedom Act) propón, ante todo, regulamentos que protexan o pluralismo e a independencia editorial dos medios de comunicación na UE, con especial sinalización aos de titularidade pública”.

A Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual da Galiza (Lei 9/2011), que foi aprobada no Parlamento galego e publicada no Diario Oficial da Galiza o 16/12/2011 estabelece, actualiza e reestrutura o sector no país e garante, desde o seu preámbulo, “a independencia, obxectividade e veracidade da información” así como “prevé a creación dunha autoridade audiovisual independente de Galiza que realizará tamén as funcións do consello asesor”.

No capítulo de misións de servizo público e no seu artigo 36, parágrafo 1, ínstase á creación do Estatuto Profesional da Corporación da CRTVG “como instrumento destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos”, e no mesmo artigo, parágrafo 2, refírese á “creación dun Consello de Informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación da CRTVG co fin de velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”.

“Falta de cumprimento”

Ante a evidente falta de cumprimento nos “aspectos máis sensíbeis desde o punto de vista profesional, coas consecuencias que iso supón”, a resolución aprobada na asemblea da FAPE exixe mediante a carta remitida á CRTVG “a cumprir e facer cumprir todos os preceptos da Lei 9/2011 con maior significancia aos seus aspectos máis relacionados co xornalismo, a liberdade de expresión e o respecto ao pluralismo.”