500 días facendo un xornalismo por e para a Galiza

A escultura das 'Marías', en Compostela, cun exemplar de 'Nós Diario', que nesta terza feira alcanza os 500 números (Foto: Arxina).
No día en que se publica o número 500 de 'Nós Diario' preguntamos ás e os subscritores que opinan destes case dous anos nas rúas.

Desde que saíu por vez primeira do prelo o 2 de xaneiro de 2020 téñense publicado 500 números de Nós Diario. Medio milleiro de exemplares en case dous anos, algo que non tería sido posíbel sen as achegas das máis de 3.000 subscritoras e subscritores que hoxe seguen a depositar a súa confianza neste proxecto.

As subscricións son a principal vía de financiamento deste xornal, xa que a Xunta da Galiza vén de excluílo do reparto de subvencións aos diarios en papel. Mais foi precisamente carecer de calquera tipo de ataduras o que permitiu a Nós Diario seguir a medrar cada día e informar as lectoras e lectores de todas as cuestións que afectan á Galiza cunha ollada crítica, rigorosa e con conciencia de país.

Neste tempo o xornal informou en detalle das eleccións galegas de 2020, do modelo enerxético do país, dos feminismos, da promoción da lingua galega e, sobre todo, da pandemia e das súas consecuencias a todos os niveis. Tamén ofreceu unha ampla cobertura dos eventos culturais do país e as súas protagonistas, unha temática que valoran especialmente as persoas subscritas a Nós Diario.

As persoas lectoras, así mesmo, cren que os coleccionábeis achegan valor engadido ao medio e avogan por darlles pulo, ao tempo que demandan máis contidos deportivos. Aliás, as persoas entrevistadas celebran o "éxito" do xornal malia carecer de axudas institucionais, e instan a seguir mellorando os contidos e "chegar a un público máis amplo dentro do galeguismo e o progresismo".

Trasladamos as seguintes preguntas:

  1. Que valoración fai dos primeiros 500 números de Nós Diario?
  2. Que aspectos cre que cómpre mellorar de cara ao futuro?

Aurora Malvárez, traballadora da hostalaría (A Coruña)

  1. Gústame a liña que ten o xornal, centrada na Galiza e a lingua do país, e destaco isto especialmente porque vivo na Coruña e habitualmente se fala máis en castelán, eu mesma, e é importante dispormos dun medio en galego. Co Nós Diario podo estar ao tanto de todas as cuestións que afectan á Galiza en xeral, porque colles outros xornais e a súa visión é demasiado ampla, non poñen o foco no país.
  2. Non creo que haxa moitas cousas que mudar polo que vin até o de agora, mais, como ex árbitra de fútbol que son, si boto en falta unha maior cobertura deportiva. Creo que se lle podería dedicar máis espazo ás noticias e os eventos de deportes.

Tareixa Navaza, xornalista (Brión)

  1. A miña valoración é positiva, noto que co tempo o diario vai mellorando, vaise afianzando entre a sociedade galega, e é sorprendente poder facelo nestes tempos precarios e sen axudas institucionais. Neste senso, creo que é lamentábel e bochornoso que no reparto de subvencións da Xunta non se teña en conta o único xornal en galego que existe actualmente. A nivel de contidos destacaría a ampla cobertura de información internacional, a atención á lusofonía, a sección de Cultura e a axenda de eventos, que é de moita utilidade para coñecer a oferta cultural de todo o país. Estou moi tranquila porque sei que baixo a dirección de María Obelleiro hai unha grande equipa de mulleres e homes que traballan arreo por facer cada día o mellor xornal posíbel.
  2. Penso que todos os aspectos negativos vanse ir superando co tempo, como contar con máis persoal na redacción ou ter máis tempo para elaborar e tratar os temas en profundidade. Mais hai que darlle tempo, é difícil sacar un xornal só coas achegas das subscritoras e subscritores, e para ser prensa libre non se pode depender nin do poder nin da banca. Penso que toda a cidadanía galega debería apoiar Nós Diario.

Xoán Antón Pérez-Lema, avogado (A Coruña)

  1. Creo que a marcha destes primeiros 500 números foi moi positiva. O xornal conseguiu achegar contidos con información moi relevante para os intereses do país, e iso é unha cuestión esencial, ser pluralista, defender os intereses da sociedade da Galiza e de todos os sectores económicos. Tamén destaco o uso da lingua, e está moi ben que non se restrinxa ás normas da RAG-ILG, así como a atención ao deporte e as diferentes seleccións galegas. Cando se lanzou o diario eu, persoalmente, non acreditaba moito no papel, mais Nós Diario demostrou nestes dous anos que segue a ter unha gran presenza, algo que outros medios intentaron e non conseguiron. Iso ten moito mérito. Este é o xornal que leva a Galiza ao mundo e trae o mundo á Galiza, sen depender dos grupos mediáticos de Madrid.
  2. Cumpriría abordar máis temas, máis enfoques e máis persoas opinadoras. Tamén creo que cómpre ollar cara aos problemas do rural, mais sen esquecer a Galiza urbana. E deberían afianzarse os vínculos con medios doutros países, nomeadamente de Portugal, que malia ser un país moi centralizado está a amosar interese en estabelecer contactos directos coa Galiza. É interesante a conexión con Vilaweb e Berria, e penso que isto podería estenderse a outros xornais coma The National escocés ou o Irish News irlandés. Por outra banda, eu aumentaría os contidos na web [nosdiario.gal].

Maribel Tato, libreira (Vigo)

  1. Valoro moi positivamente o feito de termos un xornal diferente, en galego. Os demais non ofrecen a mesma visión sobre a Galiza, antes tiñamos A Nosa Terra e agora só nos queda o Nós Diario. E penso que a denegación das axudas á prensa, dentro da política caciquil de Feixoo, é unha loanza ao voso traballo, pois podedes dicir o que pensades; se non, estariades vendidos. As seccións que máis interese espertan en min son Cultura e Política.
  2. Non vexo moito que mellorar, mais si penso que, a nivel xeral, o tratamento dos diferentes temas é demasiado 'serio'. Todos os contidos son moi lineais e penso que cómpre darlles un pouco de 'alegría' na redacción.

Branca Novoneyra, poeta (Lugo)

  1. Valoro moito os contidos culturais, e destaco sobre todo o traballo que se fai os sábados co semanario. É necesario porque xa non o fai ningún diario na Galiza, practicamente desapareceu o xornalismo cultural. Tamén saliento os coleccionábeis, penso que é unha liña a reforzar. E se me pregunta que diferencia Nós dos seus competidores non podo responder, xa que non creo que os teña na Galiza.
  2. Penso que sería interesante afondar na banda deseñada, en relación ao tratamento da información de actualidade, e tamén reforzaría a crítica literaria e de arte como espazos diarios. Outra boa idea sería publicar unha folla poética semanal, porque é moi necesario que a poesía volva ter un espazo habitual nos diarios.

Henrique Alvarellos, editor (Compostela)

  1. En primeiro lugar, parabéns polos 500. Agora polos 1.000! O que máis que gusta é a sensibilidade cultural do diario. Cando a cultura está en retroceso en moitos medios de comunicación, vós potenciádela.
  2. Melloraría o deseño dalgunhas das grandes reportaxes para que se lean con máis comodidade. E en canto ao contido, ter vocación de chegar a un público o máis amplo posible, dentro do galeguismo e do progresismo. Ensanchar estes límites. Por último, facer reportaxes, máis reportaxes con boas plumas. Un "novo xornalismo" en clave galega.

Patricia Varela, profesora (A Coruña)

  1. Destaco moi positivamente, a diferenza doutros xornais, os pasatempos do Nós. Hainos de diferentes dificultades, adaptados a todos os gustos, e son moi entretidos e dunha calidade enorme. Tamén me gustaron especialmente este ano os coleccionábeis, coma o dos apelidos ou o dos castros, que son temas que xa me gustaban de antes e agradezo que os trate o xornal. E lembro o inicio da lexislatura no Estado, foi un luxo poder ver as propostas do BNG e todos os temas que afectaban á Galiza e lelas en galego.
  2. Non vexo moitas cousas a mellorar, todas as mudanzas que se foron introducindo gustáronme; este é un xornal que leo con gusto, releo e recomendo a todo o mundo.