As 20 pezas máis vistas de 'Nós Diario' en 2021

ordenador

Relacionamos a seguir as 20 pezas máis vistas na web de Nós Diario durante 2021, no seu segundo ano como xornal diario.

20) DomusVi sacou proveito dos falecementos nas súas residencias ao facer de comisionista das funerarias. (15 de marzo)

En 2020 morreron 2.100 ancians e anciás en centros de DomusVi no Estado español. A empresa asinou un contrato con Mémora, a principal compañía de servizos funerarios no Estado. Este  contrato garante unha comisión de até 700 euros por cada familia dun residente falecido que contratase esta funeraria. DomusVi vén actuando como  comisionista polo seu labor comercial en favor de  Mémora polo menos desde outubro de 2015, cando entrou en vigor un “acordo de colaboración e prestación de servizos” entre ambas as compañías

19) Os porqués do 'non' da Unesco á Ribeira Sacra para ser Patrimonio Mundial (7 de xuño)

O pasado 3 de xuño, a Xunta da Galiza, de acordo co Goberno do Estado español, anunciaba que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) se adiaba de modo “estratéxico” para fortalecer “aínda máis” a candidatura. Unha vez feito público o informe elaborado polo persoal técnico do Comité internacional dos monumentos e os sitios (Icomos), que visitou o lugar entre o 4 e o 11 de outubro de 2020, coñécese a recomendación final da entidade, “non debería inscribirse na listaxe de Patrimonio Mundial”, conclúen desde a Unesco.

18) “Cada vez q hablas gallego me pongo enfermo” (16 de decembro)

“El gallego es un idioma aislado del mundo”, “Tenían que ilegalizar idioma gallego, y sacarlo de las escuelas” ou “Sales de Galicia y ese idioma absurdo se queda ahí”, foron algunhas das mensaxes que recibiu Guido Álvarez, guía oficial de turismo e colaborador de Nós Diario.

17) Investigan tres posíbeis novos efectos secundarios das vacinas de Pfizer e Moderna (12 de agosto)

O Comité de Seguridade da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) está a investigar tres posíbeis novos efectos adversos das vacinas ARNm contra a Covid-19, é dicir, as desenvolvidas por Pfizer e Moderna. En concreto, segundo detallou o organismo regulador europeo nuns documentos de actualización de seguridade das vacinas, trátase de eritema multiforme, glomerulonefrite e síndrome nefrótica.

16) A TVG contará cunha canle temática infantil e xuvenil (11 de maio)

As forzas políticas con representación na Cámara galega expresaron o seu apoio a unha proposta impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para pór en marcha unha canle audiovisual en galego dirixida ao público xuvenil. A iniciativa, avalada pola sinatura de máis de 33.000 persoas, defende que a Corporación de Radio Televisión da Galiza (CRTVG) aumente a oferta en galego destinada á infancia.

15)  Roberto Vilar: “Quero pedir desculpas, nunca tivo que chegar a pasar iso” (9 de abril)

"Criamos que nos asegurabamos de que non había nada raro nesta relación e mirámolo por todos os sitios que podiamos mirar, pero aínda así equivocámonos. E despois cando sucedeu no plató, a relación non era tal como nos dixeron a nós, non era tal que así e quero pedir desculpas. Porque foi un erro do programa. Nunca tivo que chegar a pasar iso”. Así se expresa Roberto Vilar, presentador de 'Land Rober Tunai Show' da TVG após a polémica xerada pola denuncia dun episodio de violencia machista no programa.

14) O incremento de contaxios pode levar ao hospital ou á morte  (5 de xullo)

Os avances na campaña de vacinación non garantes a total inmunidade contra a Covid-19. Malia que esta cuestión xa era coñecida desde que apareceron os primeiros remedios contra o virus, os novos incrementos nos contaxios entre a poboación -sobre todo na mocidade- parecen levar aparellado un posíbel esquecemento de que o risco continúa existindo.

13) Denuncian comentarios machistas nun programa da TVG (1 de maio)

“Non pasaron nin dez horas desde que tratamos na comisión parlamentaria de control á CRTVG o caso Land Rober cando chega a nós un novo lamentábel e inaceptábel episodio sobre o tratamento da violencia de xénero e en xeral da igualdade e a muller na programación da TVG”, denunciou Noa Díaz, deputada polo PSdeG no Parlamento galego, na súa conta de Twitter, en referencia a un novo episodio de violencia machista no programa Quen anda aí? da CRTVG. 

12) A Xunta limita as xuntanzas en terraza a máximo de 10 persoas e estende obriga PCR a locais de lecer nocturno de toda Galiza (14 de xullo)

O nivel de contaxios mudou, sinalou o conselleiro de Sanidade, García Comesaña, e atinxe sobre todo á xente nova. Por iso, anunciou esta cuarta feira, vaise limitar a 10 o grupo de persoas non conviventes que poden ocupar un espazo nas terrazas de hostalaría. No interior da hostalaría ese número será de 6.

11) Denuncian que na franxa de 66 a 69 anos estase a vacinar con AstraZeneca ou Moderna e non coa Pfizer que prometera Feixoo (14 DE MAIO)
Indignación e malestar entre persoas nesta franxa de idade convocadas a recibir a primeira dose da vacina contra a Covid ao comprobar que non se lles subministraba o vial que anunciara o presidente da Xunta.

10) XVII Asemblea Nacional do BNG (7 de novembro)

Milleiros de militantes e simpatizantes do Bloque Nacionalista Galego desprazáronse até A Coruña para acudir á XVII Asemblea Nacional da formación política, que reelexiu Ana Pontón como portavazo nacional. 

9) Galiza mobilízase no 8-M (8 de marzo)

 Con máscaras e distancia física, a Galiza viviu un 8 de marzo de mobilizacións e reivindicación feminista malia a pandemia. 

8) O Comité Intercentros da CRTVG pide a retirada do programa Land Rober por un caso de violencia machista (9 de abril)

Acrecéntanse as reaccións após o episodio de acoso machista no programa Land Rober da TVG, que na noite da quinta feira expuxo de maneira pública unha muller que “acabara cunha relación na que xa sufrira agresións machistas". O Comité Intercentros da CRTVG exixiu  a retirada do programa Land Rober, após “a espectacularización e tratamento morboso que se fixo dun caso de acoso”.

7) Abanca vese obrigada a retirar unha campaña após a vaga de críticas (23 de febreiro)

“Aínda vés á oficina para todo? Se podes ver os netos desde a tablet, podes sacar cartos desde o caixeiro”. A campaña de Abanca que pretendía animar as persoas maiores a se pasar á banca electrónica bateu cunha vaga de críticas e indignación que levou a entidade financeira a anunciar que retiraba esta publicidade.

6) Turistas de diferentes partes do Estado chegan a Galiza malia o feche perimetral (1 de abril)

O procedemento de sanción aberto pola policía local de Cambados ao dirixente da oposición venezolana residente en Madrid, Leopoldo López, por atoparse irregularmente na localidade do Salnés, saca á luz pública os incumprimentos das restricións á mobilidade impostas polo Goberno estatal e evidencia que os feches perimetrais vixentes durante toda a Semana Santa non están impedindo á chegada masiva á Galiza de cidadáns do resto Estado.

5) “É vergoñento”: malestar entre a audiencia de Master Chef polo que consideran “burla” do acento galego (5 de outubro)

A Coruña foi o emprazamento elixido polo programa ‘Masterchef celebrity’ de TVE para o seu concurso en exteriores desta semana. Un concurso que rematou con malestar e irritación en parte da audiencia galega que seguía o programa polo que consideraron unha “burla” do sotaque galego por parte dos 3 xuíces do programa.

4) As parellas que non convivan poderán verse nestas semanas de restricións (27 de xaneiro)

A Xunta crea a "unidade de convivencia ampliada", que lles permitirá saltarse a norma de que só están autorizadas interaccións sociais con convivintes baixo o mesmo teito. O DOG tamén establece que durante estas semanas de semiconfinamento pode irse a cultos relixiosos ou de caza de xabarín e lobo. 

3) Denuncian un episodio de violencia machista no programa 'Land Rober Tunai Show' da TVG (9 de abril)

A indignación percorre as redes sociais, as primeiras en advertir da emisión dun "episodio de violencia" machista no programa 'Land Rober Tunai Show' da TVG, no que unha muller "que acabara cunha relación na que xa sufrira agresións machistas" se viu exposta publicamente.

2) Nivel de restrición máxima para toda Galiza, peche perimetral en todos os concellos e as xuntanzas limítanse exclusivamente a conviventes (25 de xaneiro)

Galiza fecha todos os seus municipios, suspende actividades non esenciais e limita a conviventes as reunións. Esta é a proposta saída da xuntanza do Comité sanitario do 25 de xaneiro. As medidas adoptadas até agora non foron suficientes. Núñez Feixoo recoñeceuno e. Por iso decidiuse que pasa toda Galiza a nivel de restrición máxima, que todos os concellos pasan ao feche perimetral e que as xuntanzas limítanse a conviventes. O toque de recoller mantense ás 22:00 horas, se ben Feixoo lamentou que o Goberno español non permita adiantalo.

1) A xefa de servizo do Cunqueiro destituída por usar máscaras cirúrxicas: "Coidado, Feixoo, non vaian cesalo por pedir FFP2 obrigatorias" (29 de xaneiro)

Eva Maquieira, a xefa de servizo do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo destituída polo entón Xerente da área sanitaria viguesa e hoxe conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, por reivindicar o uso de máscaras cirúrxicas no centro hospitalario en marzo de 2020, lanza unha advertencia a Feixoo: "Coidado, non vaian cesalo por pedir máscaras obrigatorias". É a reacción á intención do presidente da Xunta de declarar obrigatorias as FFP2 en determinados contextos.