Galiza fecha todos os seus municipios, suspende actividades non esenciais e limita a conviventes as reunións. Esta é a proposta saída da xuntanza do Comité sanitario desta segunda feira, 25 de xaneiro.
As medidas adoptadas até agora non foron suficientes. Núñez Feixoo recoñeceuno esta segunda feira tras a xuntanza do Comité clínico. Por iso decidiuse que pasa toda Galiza a nivel de restrición máxima, que todos os concellos pasan ao feche perimetral e que as xuntanzas limítanse a conviventes. O toque de recoller mantense ás 22:00 horas, se ben Feixoo lamentou que o Goberno español non permita adiantalo.
As medidas anunciadas hoxe por Núñez Feixoo abranguen diferentes sectores:
Educación: as universidades non retomarán as súas aulas até o 8 de febreiro e a primeira semana as aulas serán on line. A partir do 17 de febreiro tentarase retomar a educación presencial. O ensino Infantil, Primario, Secundario e Bacharelato continuará como até o de agora.
Deporte: Feche de ximnasios. Só será permitido o deporte ao aire libre e sempre con máscara.
Traballo: O presidente solicitou "colaboración para que se aposte polo teletraballo". Neste sentido, indicou que o Goberno galego fomentará o teletraballo na administración públuica da súa competencia.
Comercio: O non esencial fechará ás 18:00 horas. Os centros comerciais pecharán as fins de semana.
O peche da hostalería será total. Só haberá servizo a domicilio, comida para levar e comedores de empresas.
Xuntanzas: estarán limitadas exclusivamente a conviventes, agás excepcións como persoas maiores que vivan soas.
As novas medidas durarán 3 semanas, como mínimo. Do 27 de xaneiro até o 17 de febreiro.
O presidente agradeceu o "enorme esforzo" dos galegos e galegas fronte á "crise inédita que nos está a tocar vivir". "As previsións das próximas semanas apuntan a que irán aumentando [as cifras de hospitalizacións]". Recoñeceu que a incidencia acumulada a 14 días (690 casos por cada 100.000 habitantes) era peor que a media do Estado (por baixo dos 600 casos). E depositou as súas esperanzas nun "procesod e vacinación", se ben dixo que as vacinas que recibe Galiza "son moi poucas".
Cifras máximas
Coa pandemia en cifras máximas en contaxios e casos activos e en camiño de superar o teito de hospitalizados ao que se chegou na primavera, a Xunta viña anunciando ao longo da semana pasada novas restricións para tratar de atallar o avanzo dunha terceira onda da que a Consellería de Sanidade aínda non divisa no horizonte que chegase ao seu pico.
O pasado día 19 a Consellaría de Sanidade anunciou que os concellos de Viveiro, Arteixo e Xinzo van estar sometidos a un nivel máis grande de restricións que o resto: feche total da hostalaría e a suspensión de toda actividade non esencial. Unha medida, explicou entón o García Comesaña, motivada polo feito de que nestas tres localidades de máis de 10.000 habitantes a incidencia acumulada a 14 días supera os 1.000 casos, moi por riba dos 250 que se fixou para adoptar restricións.