Un guía turístico de Lugo recibe ataques por guiar e comunicarse en galego nas redes

O guía de turismo Guido Álvarez, colaborador de Nós Diario, partillou algunhas das mensaxes contra o galego que recibe a través das redes sociais nas que emprega sempre este idioma. En pouco tempo recibiu múltiples mostras de apoio e ánimo polo seu traballo de difusión nun sector tan importante como o seu.

O guía de turismo Guido Álvarez (Nós Diario)
photo_camera O guía de turismo Guido Álvarez (Nós Diario)

“El gallego es un idioma aislado del mundo”, “Tenían que ilegalizar idioma gallego, y sacarlo de las escuelas” ou “Sales de Galicia y ese idioma absurdo se queda ahí”, son algunhas das mensaxes que recibiu nos últimos días Guido Álvarez, guía oficial de turismo e colaborador de Nós Diario.

Esta semana decidiu partillalas nas redes sociais coa intención de dar unha situación moito máis común do que parece. “Non é algo diario, mais especialmente nestes dous anos como autónomo si recibín bastantes mensaxes e algunhas delas igual de desagradábeis que as da semana pasada”, explica Guido Álvarez a Nós Diario.

Screenshot 2021-12-14 19.55.20

Amante das viaxes, Álvarez acreditouse como guía oficial de turismo con cinco idiomas (francés, italiano, inglés, castelán e galego) no ano 2015. No 2019 comezou o seu proxecto Guido Guía como autónomo e, “fiel ás miñas conviccións, desde o inicio apostei por guiar e comunicar en galego”.

A iniciativa está a ter moito éxito “incluso superáronse as expectativas”, asegura. “Nestes dous anos e pico non só non tiven ningún problema, senón que son moitísimas as persoas que me dan as grazas por achegalas ao galego”. Pon como exemplo a cantidade de estudantes Erasmus e de inmigrantes que buscan facer inmersión lingüística. “Por non falar da aproximación e integración cultural, emotiva e sentimental que supón para todos eles”, lembra.

Redes e anonimato

A parte negativa veu desde que comezou a ter éxito nas redes sociais. “Todos os comentarios negativos que recibín foi a través das redes onde, por desgraza, impera o anonimato e ás veces mostra a peor cara da xente”, intúe.

Sobre as mensaxes recibidas, conta que “algunhas veces son mensaxes de persoas non galegas que piden que cambie de idioma, mais o peor de todo é que algunhas son de persoas galegas ás que lles molesta (nunca entenderei porqué) que promocione Galiza en galego”.

Álvarez sinala que “moitas veces dinme que se traballo para turistas non podo facelo en galego, sen darse conta de que é ao contrario, para maior parte da xente é un plus”. Por este motivo asegura que continuará difundindo nas redes sociais e no seu traballo o galego co que coñeceu “xente inqueda culturalmente, aberta, que ven con claridade que o idioma é se non a máis grande, unha das maiores riquezas da Galiza”.

Comentarios