As 20 pezas máis vistas de 'Nós Diario' en 2020

Relacionamos a seguir as 20 pezas máis vistas na web de Nós Diario durante 2020, no seu primeiro ano como xornal diario.

20- Quen está detrás das residencias privadas? (31 de marzo)

Ausencia de medios para a correcta atención, persoal nunha situación de máxima precariedade e as empresas obtendo beneficios millonarios. Así é o panorama das residencias privadas que se denunciaba nesta reportaxe.

19- Presidenta do comité na Coruña denuncia que Inditex chamou 4 policías para expulsala do seu posto de traballo (15 de maio)

Carminha Naveiro (CIG) denunciaba que a empresa “modifica unilateralmente” a xornada de traballo do persoal ao abeiro do estado de alarma.

18- A Covid-19 chega ao “teito” da Galiza (25 de marzo)

Concellos afastados como A Veiga, a zona máis alta do país, ou Covelo rexistraban naqueles días os seus primeiros casos por coronavirus, como consecuencia de persoas que chegaron de Madrid.

17- As ratas conquistan a cociña do hospital de Ourense, (19 de febreiro)

As ratas conquistaron hai meses as instalacións que o persoal da cociña do Hospital de Ourense emprega a diario para elaborar os menús das pacientes ingresadas.

16- Sergas cesa a xefa de Servizo do Hospital de Vigo que criticou a xestión do coronavirus (23 de marzo)

A xefa de sección de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), Eva Maquieira, foi cesada despois de criticar a través das redes sociais as instrucións de hixiene e utilización de recursos ditadas polo Servizo de Medicina Preventiva para evitar a propagación do coronavirus.

15- A Xunta coñecía desde 2017 as graves deficiencias das residencias privadas (10 de abril)

O Consello de Contas da Galiza sinalou no seu informe de 2017, ao que tivo acceso Nós Diario, que en diversas residencias de DomusVI e da Fundación San Rosendo, as principais empresas que xestionan os centros de maiores privados na Galiza, a cifra real de traballadoras “non coincide en número de efectivos co cadro de persoal ofertado para a contratación, apreciándose valores inferiores”.

14- Un estudo conclúe que 76% do pico da pandemia no Estado español procede de viaxes con orixe ou destino en Madrid (18 de maio)

Mattia Mazzoli, David Mateo, Alberto Hernando, Sandro Meloni e Jose Javier Ramasco publicaron un estudo que cuantificaba a relación entre as viaxes dentro do Estado español e a pandemia do coronavirus. Un traballo do que resultaba que 76% do pico da pandemia no Estado tivo a súa orixe nas viaxes desde ou a Madrid.

13- Luís Vázquez, médico: "A sensación é que o virus é menos activo e que a mortalidade é menor e non é así" (1 de setembro)

Director do laboratorio dun hospital da Coruña, Luís Vázquez é especialista en Análises Clínicas e analiza cada día nas redes sociais o avance da Covid-19 con gráficos e comparativas accesíbeis para as persoas non expertas. Conversamos con el ao redor da evolución da pandemia

12- Cortizo despide todo o persoal de Caxizo e fecha o Centro Especial de Emprego (29 de abril)

“A empresa presentou un ERE ao descubrirse a fraude á Seguridade Social e ao persoal” afirma o sindicato CIG. O pasado ano Inspección de Traballo detectou que Caxizo S.L -empresa do polígono de Pazos en Padrón que contaba coa consideración de Centro Especial de Emprego por empregar persoal con diversidade funcional- era, en realidade, unha empresa con ánimo de lucro, segundo a central nacionalista.

11- A familia da moza embarazada falecida asegura que non tiña patoloxías previas (30 marzo)

A familia da moza de Carballo de 37 anos de idade embarazada falecida no hospital da Coruña, canda o seu bebé, após practicárselle unha cesárea de emerxencia aseguraba que non tiña patoloxías crónicas previas, como se indicaba no informe sanitario, e lamentou que non se lle fixese a autopsia antes de incinerar o corpo.

10- Pesar polo falecemento do actor e músico Esteban Yáñez (21 de abril)

O actor, músico e activista Esteban Yáñez (Ferrol, 1984) faleceu o 21 de abril en Compostela. Yáñez, moi activo nas esfera galega das redes sociais onde era coñecido como @Snob, participou do programa da TVG Xabarín Club na sección sobre banda deseñada Arroz Hacker, na súa infancia interpretou a Pepiño na serie Pratos Combinados da canle pública e na actualidade formaba parte do comité de redacción da revista Luzes, entre outras moitas andainas.

9- Tres días despois das eleccións o Sergas anuncia o fechamento dunha planta de Pediatría do Cunqueiro (15 de xullo)

O fechamento dunha planta do servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, efectuado pouco despois das eleccións galegas, foi comunicado cun só día de antelación. Así o denunciaba a CIG-Saúde nun comunicado, que achacaba a escolla da data a un “interese político” e a que o pasado domingo decorreron as elección galegas.

8-  O hospital de Ourense buscou respiradores na privada mentres Feixoo enviou 11 a Madrid (28 de marzo)

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) preparábase para o impacto do pico da COVID-19 coa conversión da unidade de recuperación post-anestesia nunha UCI. Segundo puido coñecer Nós Diario, buscárbanse respiradores na sanidade privada. Poucos días antes, Núñez Feixoo gabábase de enviar respiradores a Madrid.

7- Marcial Dorado sobre Feixoo: “Se dormes na miña casa, se a miña muller che fai o almorzo... Eu considerábame amigo” (9 de marzo)

Jordi Évole entrevistaba no seu programa, Lo de Évole, o domingo, 15 de marzo, a Marcial Dorado, arousán condenado por narcotráfico e cuxas fotos nun iate con Núñez Feixoo, publicadas en 2013, perseguen desde entón ao presidente da Xunta.

6-   'Chis' Oliveira, desde o hospital: “Estiven máis morta que viva pola COVID-19” (10 de abril)

Entrevistámola en numerosas ocasións, sempre vinculadas co inxente esforzo desenvolvido en materia de igualdade e educación sexual. Catedrática de Filosofía e autora, con Amada Traba, do libro ám@me (Galaxia), Mercedes Oliveira, coñecida como Chis Oliveira, foi a impulsora do Comando Igualdade, unha experiencia do IES Alexandre Bóveda de Vigo que percorreu Galiza para sensibilizar a mocidade coa igualdade real entre homes e mulleres. Toda a súa bagaxe recoñeceuse en 2017 co premio Viguesa Distinguida. Porén, desta vez, non conversamos con ela de feminismo, senón por ser unha das galegas hospitalizadas a causa da COVID-19.

5- Novos casos na Coruña, Santiago, Lugo e Pontevedra elevan a cifra de contaxiados de Covid na Galiza a 262 (13 de xullo)

Un máximo de contaxios por Covid-19, con aumento en varias áreas sanitarias.

4- "Ante algunhas actitudes, ás veces, gostaría que algunha xente viñese ver o que hai na UCI" (29 de marzo)

“Parece que estamos na sombra, mais sempre estamos en primeira liña”. Dicñianolo Hugo Babarro, enfermeiro da UCI no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense a finais do pasado mes de marzo. Quería facer visíbel o traballo que as enfermeiras e enfermeiros fan ao longo do ano. Conversou con Nós Diario para explicar como estaban sendo os primeiros días con pacientes coa COVID-19 na UCI. “Quero que a xente valore o que hai que valorar, que vexa que todos os recortes que sufriu a sanidade pública se están pagando”, afirmaba.

3- Iago Villamil, médico: "Os profesionais de Primaria da Mariña teñen datos de positivos que non cadran cos do Sergas" (8 de xullo)

"O Sergas non deu ningunha instrución a respecto do brote na Mariña". Así o aseguraba Iago Villamil, médico no Hospital da Costa (Burela), que nesta conversa destapaba a falta de material que padece a Atención Primaria na comarca, onde non había nin termómetros infravermellos nin equipos de protección individual acaídos.

2- Marina Blanco, pneumóloga do CHUAC: "O virus ataca tamén o ril e fígado, pero o que mata é a afectación respiratoria" (31 de marzo)

Entrevistamos Marina Blanco Aparicio, pneumóloga do Chuac. "É importante que se saiba ben o que facemos, porque a morte sempre se produce porque o corazón non funciona ou por non respirar, por iso se lle chama parada cardiorrespiratoria. Se algunha desas dúas cousas falla, non che hai nada que facer. Xa que logo, as dúas únicas especialidades imprescindíbeis son a cardioloxía e a pneumoloxía, de todo o demais non se morre".

1-  Un día despois das eleccións, o Goberno de Feixoo comunica a retirada da ambulancia medicalizada do Salnés (14 de xullo)

Tan só un día despois das eleccións, o goberno do PP na Xunta de Galiza comunicaba ao persoal da ambulancia medicalizada do Salnés que será trasladada a Sanxenxo, onde farán base no centro de saúde. Unha noticia que chegou ás 185.000 páxinas vista.