Marina Blanco, pneumóloga do CHUAC: "O virus ataca tamén o ril e fígado, pero o que mata é a afectación respiratoria"

Entrevistamos Marina Blanco Aparicio, pneumóloga do Chuac.
Sin título-3
photo_camera "A nosa dedicación está centrada na COVID-19", di a doutora. (Foto: Nós Diario).

En que consiste o labor que desenvolve unha pneumóloga, esa tarefa que agora comeza a coñecerse un pouquiño máis, pero que moitas persoas antes desta crise sanitaria non saberían definir con exactitude? 

É importante que se saiba ben o que facemos, porque a morte sempre se produce porque o corazón non funciona ou por non respirar, por iso se lle chama parada cardiorrespiratoria. Se algunha desas dúas cousas falla, non che hai nada que facer. Xa que logo, as dúas únicas especialidades imprescindíbeis son a cardioloxía e a pneumoloxía, de todo o demais non se morre. 

De aí a gravidade da COVID-19, porque afecta fundamentalmente á función respiratoria?

Claro. A complicación que teñen estes doentes é puramente respiratoria. Os que non evolucionan ben, que afortunadamente son os menos, presentan complicacións no aparato respiratorio, principalmente por insuficiencia respiratoria ou por unha pneumonía grave que acaba co doente nun distrés e conectado a un respirador. 

É esa a principal complicación que se pode presentar?

De feito é "a complicación". Todo o demais pode dar un pouquiño de inflamación noutros órganos, no fígado, alteracións de ril... pero nada diso compromete o doente, o que o compromete é a afectación respiratoria, na que a pneumoloxía é moi importante, porque hai dúas formas distintas de actuar sobre esa complicación respiratoria: nun principio con métodos de soporte respiratorio non invasivo, que poden consistir en poñer osíxeno con aparatos especiais, ou no que chamamos ventilación non invasiva, que é a través de respiradores cunha máscara na cara, sen necesidade de intubar o doente. Mais nesta pandemia non é o desexábel usar estes sistemas polo risco de diseminación do virus, porque son sistemas de presión, mais nalgúns doentes hai que empregalos. E no caso dos que xa están moi graves hai que colocarlles un tubo e conectalos a un respirador na UCI.

É o único que se pode facer por eles?

Para manexar a insuficiencia respiratoria que non responde a outras medidas, si.  

No caso das persoas doentes que teñen que quedar na casa, como se supervisa a súa evolución? 

As que están con moi poucos síntomas, e non teñen ningún factor de risco, dáselles instrucións para que saiban cales son os sinais de alerta e cando teñen que chamar. O seu tratamento é só para baixar a febre, e non necesitan ningunha supervisión especial. Para o outro grupo, que xa está conformado por doentes que teñen factores de risco, ou síntomas un pouquiño máis intensos, púxose en marcha un sistema de telemonitorización nos seus domicilios, entregándolles un aparato para medir o osíxeno e facendo un rexistro diario de constantes que envían a través dunha tablet da que tamén se lles fai entrega. Logo, desde o hospital, temos persoal encargado de monitorizar todos os datos, de maneira que se xorden signos que aconsellan derivar ao centro hospitalario, faise.  

E dentro do hospital, como é o traballo diario na unidade de pneumoloxía ante esta situación de pandemia?

Agora a nosa dedicación está centrada, maioritariamente, en doentes da COVID-19. Nós, que normalmente dispoñemos dunha zona de hospitalización, contamos agora con dúas adicionais só con doentes de coronavirus, e os que teñen outras patoloxías pneumolóxicas permanecen illados noutra área cunha serie de medidas moi estritas para evitar o contaxio. A maioría do cadro de persoal estamos agora dedicados á pandemia, e unha minoría encárgase de atender as consultas imprescindíbeis doutras doenzas, en persoa ou por teléfono e internet, preferibelmente.

Están vostedes alí no CHUAC, como xa temos visto que aconteceu noutros lugares do Estado español, preparados para unha hipotética saturación do centro polo aumento continuado de doentes?

Se ben é certo que cada vez hai máis doentes, tamén se van abrindo cada vez máis zonas habilitadas para elas dentro do hospital. En principio empezouse por ocupar as áreas cirúrxicas, pois fóronse reducindo e agora lévanse a cabo só as máis urxentes, as que non poden esperar. Tamén hoxe se van ocupar despachos da zona de consultas... o equipo directivo do hospital, que é quen se encarga de organizalo todo, ten previsto plans B, C e todos os que fagan falta.

Como é o día a día dunha profesional da pneumoloxía?

Chegar e vestirse, ver o listado de doentes que hai ingresadas, revisar as súas historias clínicas. E até aí o procedemento habitual, pero o que cambia é que temos que adoptar unha serie de medidas para entrar en cada habitación que supoñen un gran consumo de tempo e moitas limitacións, porque os Equipos de Protección Individual (EPI) limitan moito  a mobilidade, a visión. Son moi incómodos.

Cun desgaste físico e moral brutal, supoño.

Si. Facemos xornadas maratonianas, que non sabemos cando rematan, sen horarios. Aguantamos uns EPI que son unha tortura para as que levamos gafas, por exemplo. Non encaixan dentro do equipo, crávanse no nariz... é un exemplo dunha carga engadida que cada unha a leva como pode, porque dramas hai moitos.

Comentarios