Presidenta do comité na Coruña denuncia que Inditex chamou 4 policías para expulsala do seu posto de traballo

Carminha Naveiro (CIG) denuncia que a empresa “modifica unilateralmente” a xornada de traballo do persoal ao abeiro do estado de alarma.

carminha
photo_camera Carminha Naveiro

A federación de Servizos da CIG denuncia que Inditex modificou esta segunda feira, "de forma unilateral e dun día para outro", os horarios do persoal do grupo en todo o Estado. Esta decisión inclúe tamén, informa, as traballadoras que teñen redución de xornada por coidado de crianzas, "o que supón un ataque directo contra o dereito de conciliación da vida laboral e familiar".

Ademais, afirma o sindicato nacionalista, "a dirección chamou a Policía para que expulsase do seu posto de traballo a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, que se negou a abandonar a tenda se a empresa non lle comunicaba por escrito o cambio horario".

Carminha Naveiro é traballadora de Inditex e presidenta do comité de empresa de Zara na provincia das Coruña. Ela propia denuncia nas redes sociais que a empresa está a “modificar unilateralmente a xornada laboral” das súas traballadoras, xustificándoo en base ao estado de alarma, e modificando así substancialmente as condicións de traballo das empregadas.

Os novos horarios, afirma Naveira, a empresa comunícallos “verbalmente” ás traballadoras, “pero cóidase de non facelo por escrito”.

O grupo téxtil deu orde de non deixar constancia da medida por escrito para que as persoas traballadoras non poidan reclamar, afirma a CIG

Neste novo contexto de horarios, indica, a empresa comunicoulle o pasado 12 de maio, sempre segundo a súa versión, que tiña que deixar o seu posto ás 20:15 horas e non ás 22:30, “como é habitual na miña quenda”.

Naveira pide entón á empresa que lle notifique por escrito esa mudanza no horario ou non deixa o posto. “A empresa dime que se nega a darme nada por escrito e chama 2 gardas de seguridade e 4 policías nacionais para que me boten da tenda”.

"Seis homes con porras e pistolas para botar unha muller do seu posto de traballo, así é como actúa a dirección desta empresa", denuncia o sindicato

“Estas persoas entran no almacén no que estaba eu soa traballando, podedes imaxinar como me sentín: coaccionada”, manifesta. “Mais aínda así, negueime a abandonar o posto ata que mo digan por escrito”, conclúe.

Carme Naveira critica que Inditex ofreza a imaxe dunha empresa que coida do seu persoal e “aproveite” o estado de alarma para modificar a xornada de todos os traballadores e bote man da “represión” contra as súas obreiras.

“O estado de alarma non suspende os nosos dereitos laborais e de liberdade sindical”, indica.


 

Comentarios