1% máis rico da poboación mundial xerou a mesma cantidade de emisións de carbono que os 5.000 millóns de persoas que compoñen os dous terzos máis pobres da Humanidade, segundo revela Igualdade climática: un planeta para o 99%, un novo informe de Oxfam Intermón. A ONG deu a coñecer esta segunda feira a investigación con motivo da cimeira das Nacións Unidas sobre o clima, que se celebrará en Dubai, "nun contexto cheo de dúbidas sobre os acordos que manteñan o aumento da temperatura global por baixo de 1,5°C".
Segundo alertou, estas emisións "desmedidas" do 1% máis rico "causarán 1,3 millóns de mortes máis sobre o previsto asociadas á calor, unha cifra que equivale aproximadamente á poboación de toda a cidade de Dublín (Irlanda)". Ademais, engadiu que a maior parte destas mortes terán lugar antes de 2030.
"Os efectos do cambio climático afectan máis a quen é menos responsables: persoas en situación de pobreza e exclusión e ás xeracións futuras. O modelo económico e de consumo actual é insostíbel. Tense que pór fin a prácticas destrutivas e implantar solucións sostíbeis", declarou Lourdes Benavides, a responsábel de Xustiza Climática de Oxfam Intermón.
Benavides explicou que "os maiores contaminadores do planeta, as corporacións de combustíbeis fósiles e os súper ricos do mundo, son os principais responsábeis da crise climática". "Están a obter ganancias récord, mentres que os menos responsábeis da emerxencia climática son golpeados polas súas devastadoras consecuencias. Quen máis contaminan deben asumir o custo", subliñou.
Emisións ligadas ao consumo
O informe baséase na investigación levada a cabo xunto ao Stockholm Environment Institute (SEI), e analiza as emisións ligadas aos hábitos de consumo de distintos grupos de renda en 2019, último ano para o que se dispón de datos. Deste modo, apunta que 1% máis rico (77 millóns de persoas) foi responsásbel de 16% do total de emisións segundo os seus hábitos de consumo en 2019, unha cifra maior que a totalidade das emisións xeradas por desprazamentos en coche e o transporte por estrada. O 10% máis rico xerou a metade (50%) das emisións totais.
No Estado español, a investigación sinala que 10% das persoas con maiores ingresos (4,7 millóns de persoas) xerou case unha terceira parte de todas as emisións en 2019, o que equivale ás emisións de 53% das persoas con menores ingresos (24,8 millóns de persoas).
Así mesmo, a ONG calcula que calquera persoa pertencente a 99% máis pobre da Humanidade tardaría ao redor de 1.500 anos en xerar as emisións que os milmillonarios máis ricos producen nun ano. As emisións que produce, cada ano, o 1% máis rico da poboación mundial "anulan" os aforros en emisións de carbono que xeran case un millón de turbinas eólicas.
En comparación coa metade máis pobre da Humanidade, desde a década de 1990, o 1% máis rico consumiu o dobre de carbono dispoñíbel para emitir sen provocar un aumento da temperatura global superior ao límite seguro de 1,5ºC. O 1% con maiores ingresos no Estado necesitaría reducir as súas emisións nun 95% de aquí ao 2030 para limitar o aumento de temperatura a 1,5ºC.
Para 2030, a ONG prevé que o nivel de emisións xeradas polo 1% sexa 22 veces maior que o compatible co obxectivo de manterse por baixo do límite fixado no Acordo de París.