Consello da Xunta

A Xunta pagará a promotoras até 50.000 euros para que poñan pisos en aluguer

A Xunta da Galiza pagará aos promotores a cambio de que destinen os pisos que constrúan a aluguer. Esta é a aposta do Goberno galego para facer fronte a unha demanda de vivenda de aluguer que a día de hoxe na Galiza ten máis de 12.000 demandantes rexistrados. 
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Xunta)

A Xunta da Galiza tira de chequeira para animar os promotores de vivendas a que poñan as súas propiedades no mercado de aluguer. Esta é unha das medidas aprobadas no Consello do Goberno galego que decorreu esta quinta feira en Compostela e no que o Executivo deu o visto e prace a un paquete de medidas de 56 millóns de euros para "fomentar" o acceso á vivenda.

Entre esas medidas, explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, está a de pagar 36.000 euros por vivenda construída a aqueles promotores que durante 15 anos destinen ese inmóbel a un aluguer "asequíbel". Unha cantidade que aumenta a 42.000 euros se, ademais, inclúe a oferta de compra do piso. E que chega a 50.000 se ten a vivenda no mínimo 20 anos en aluguer.

O número de persoas que esta quinta feira estaban anotadas no rexistro de demandantes dunha vivenda de aluguer na Galiza era de 8.993 persoas, ás que hai que sumar as 3.008 que se inscribiron para pedir un piso en arrendamento con opción a compra. Desde a Consellaría de Vivenda precisaron a Nós Diario que esta nova orde de axudas "aínda non está redactada, pois son apoios para o vindeiro ano". A previsión, porén, "é que se estabeleza un prezo do alugueiro tasado", pero polo momento non está definido,xa que "é algo que se fixa durante a redacción da orde".

Outras actuacións anunciadas hoxe pola conselleira foron axudas para aluguer a determinados colectivos (desde menores de 30 anos até familias monoparentais) e tamén axudas para a rehabilitación.

O parque público da Xunta da Galiza está integrado por case 3.800 vivendas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da empresa pública Xestur. Adxudícanse en réxime de aluguer a prezos accesíbeis. En marzo o presidente galego, Alfonso Rueda, anunciaba que o seu Executivo se comprometía a incrementar  até 2016 en 1.800 as vivendas de aluguer social. Unha cifra que apenas cubriría 10% da demanda.

A conselleira, a preguntas da prensa, tamén recoñeceu que a Xunta está disposta a estudar a declaración de zonas tensionadas en vivenda para A Coruña e Compostela, algo que desbotaba até o de agora. Vázquez sinalou que unha vez aprobada a Lei da Vivenda estatal, malia a oposición da Xunta, "é lei e a lei hai que aplicala".

Emprego público

A intervención da conselleira produciuse canda o presidente galego após o Consello da Xunta. Alfonso Rueda anunciou unha oferta pública de emprego (OPE) do Sergas de 1.207 prazas en 2024: 121 médicos de familia, 35 de urxencias e 958 de enfermaría. Tamén informou o presidente  galego de que a Xunta se dirixirá ao Goberno do Estado para que asuma nos orzamentos xerais para 2024 a liberalización da peaxe da AP-53 entre Compostela e Dozón.

Na reunión semanal do Goberno galego deuse, ademais, o visto e prace a destinar 15 millóns de euros durante os vindeiros catro anos para 154 prazas de asistencia concertada para pacientes de dano cerebral adquirido; así como destinar 4,5 millóns de euros a mercar o primeiro parque de accións da sociedade mixta que a Xunta ten con 33 empresas para proxectos con recursos da Galiza.

Comentarios