venres 17/09/21

Xunta e Estado pactan negociar as discrepancias da Lei de saúde á marxe do Constitucional

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o ministro de Política Territorial, Miquel Iceta, asinaron un acordo no que se comprometen a buscar un acordo sobre as discrepancias ao apartado segundo do artigo 38 da lei de saúde galega á marxe do proceso aberto no Tribunal Constitucional, que suspendeu este aspecto normativo.

Un home recibe unha dose da vacina contra o coronavirus en Vigo. (Foto: Europa Press)
A vacinación obrigatoria é un dos aspectos da lei que foron recorridos polo Goberno estatal. (Foto: Europa Press)

Concretamente, ambas as partes acordaron constituír un grupo de traballo sobre a Lei de saúde cos representantes designados por cada parte -hai que lembrar que o Parlamento, cos votos a favor do PP, tamén acordou defender a reforma da lei aprobada na Cámara galega o 25 de febreiro-.

Este grupo de traballo, segundo recolle o acordo, publicado esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG), ten como misión "alcanzar un acordo extraprocesual respecto das discrepancias manifestadas pola interposición do recurso de inconstitucionalidade" (asunto 1975-2021) en relación ao apartado cinco da reforma da Lei galega de saúde, que se corresponde co novo artigo 38.2.

A segunda parte deste acordo, que se asinou no marco da comisión bilateral de cooperación Estado-Xunta con data do 14 de maio, tamén inclúe "designar un grupo de traballo cos representantes que designe cada unha das partes que proceda a desenvolver as negociacións necesarias para tal efecto".

Artigo 38

O apartado cinco da reforma da lei galega de saúde introduce un artigo 38 á ei de saúde galega con dous apartados, dos cales, o Consello de Estado avalou que se recorrese a segunda parte, como finalmente fixo o Goberno estatal, de forma que o Tribunal Constitucional, ao admitir a trámite o recurso, deixou sen efecto este punto. Esta 'segunda parte' fala de medidas preventivas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando haxa un perigo para a saúde da poboación.

E para iso, ademais doutras medidas xerais, estabelece que se poderán adoptar medidas de control das persoas enfermas, como o illamento domiciliario (actualmente os confinamentos das persoas que están contaxiadas polo coronavirus), o internamento nun centro hospitalario ou o illamento ou internamento noutro lugar adecuado para tal fin.

Entre o sete principais desta 'segunda parte', tamén recolle medidas de control para persoas que estivesen en contacto con persoas enfermas (como actualmente os illamentos de contactos positivos); ou o sometemento a medidas profilácticas de prevención, incluída a vacinación ou inmunización.

Este apartado da lei tamén habilita medidas de control da "contorna inmediata" das persoas enfermas ou que estivesen en contacto con elas, así como de "zonas afectadas" (lugares xeográficos), o que pode levar, por exemplo, á limitación de mobilidade ou circulación (como foron os fechamentos perimetrais de cidades ou áreas sanitarias) ou restricións ás agrupacións de persoas (como o límite nas reunións, tal e como está vixente neste momento en Galiza).

O resto da lei, en vigor

Con todo, o resto da lei continúa vixente para seguir coas restricións que rexen actualmente na Galiza, como son o fechamento perimetral de municipios con incidencia máxima ou o toque de recoller nestes mesmos concellos entre as 23 e as 6 horas.

Ademais, tal e como recolleu a petición de ratificación de medidas presentada ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) após a caída do estado de alarma, a Xunta tamén se apoiou na súa lei vixente e reformada para manter os límites nas reunións -seis en exteriores e catro en interiores-. O alto tribunal galego avalou a actuación.

comentarios