O Parlamento rexeita a suspensión da Lei de saúde cos votos en solitario do PP

A iniciativa saíu adiante porque o Partido Popular ten maioría na Cámara, se ben o BNG abstívose e o PSdeG amosouse en contra da medida.
Un home recibe unha dose da vacina contra o coronavirus en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un home recibe unha dose da vacina contra o coronavirus en Vigo. (Foto: Europa Press9

O Parlamento da Galiza vén de aprobar unha iniciativa do grupo do PP, coa abstención do BNG e o voto en contra dos socialistas, onde solicita ao Goberno de Sánchez axeitar a lexislación sanitaria estatal á pandemia e retirar a solicitude de suspensión da Lei de saúde da Galiza.

A proposta responde á resolución do Tribunal Constitucional de 21 de abril, onde se ratifica a admisión a trámite do recurso presentado polo Executivo do Estado contra a reforma da Lei galega de saúde e, en consecuencia, a suspensión do apartado cinco do artigo único da modificación, no que se definen actuacións concretas e medidas a adoptar fronte á pandemia, entre elas a vacinación.

O deputado do PP Miguel Tellado defendeu a iniciativa responsabilizando o Goberno do Estado das aglomeracións que tiveron lugar esta fin de semana nalgunhas cidades españolas por “negarse a crear un marco xurídico” para “evitar” esas situacións.

Ao tempo, criticou que non se actualizase a lexislación estatal en materia de saúde. 

Ao seu xuízo, isto provocou que despois de decaer o estado de alarma a pasada fin de semana o Goberno "converteu o Tribunal Supremo nun xulgado de garda" dada a súa capacidade para avalar ou rexeitar o estabelecemento de restricións.

A parlamentaria nacionalista Iria Carreira reiterou a oposición do BNG á norma galega de saúde e lamentou que o presidente galego estea “instalado na política da queixa” e “cómodo” fronte a “unha delegación de competencias a Madrid”.

Pola súa banda, o voceiro socialista en Sanidade, Julio Torrado, acusou a Xunta de impulsar a modificación da Lei da saúde da Galiza para que Feixoo "puidese decidir que dereitos e liberdades podía restrinxir sen pedir autorización ao Goberno" español. 

Comentarios