O PP anuncia unha petición no Parlamento para que o Estado mude a lei española de saúde

O PP quere aprobar no Parlamento unha proposición para instar o Goberno español a adecuar a Lei estatal de saúde á xestión de pandemias. Mentres, o Hórreo xa acordou iniciar a defensa xurídica da Lei de saúde galega, recorrida ante o Tribunal Constitucional no seu artigo 38.2. Pola contra, a lei que permitirá crear unha universidade privada a Abanca non irá ao próximo pleno por un "erro" nos cálculos do PP.

Xunta de portavoces, reunida na Cámara galega (Foto: Arxina)
photo_camera Xunta de portavoces, reunida na Cámara galega (Foto: Arxina)

O Parlamento galego aprobará -previsibelmente coa maioría do PP- unha proposición que os populares levarán ao pleno da próxima semana para instar o Goberno español a adecuar a Lei estatal de saúde á xestión de pandemias. Mentres, o Hórreo xa acordou iniciar a defensa xurídica da Lei de saúde galega, aprobada o pasado 26 de febreiro e recorrida ante o Tribunal Constitucional no seu artigo 38.2.

Na iniciativa pídese ao Estado que proceda a "unha adecuación da lexislación orgánica en materia de saúde pública que achegue maior detalle e concreción" co fin de "proporcionar ás autoridades competentes o mellor marco xurídico posíbel".

O portavoz parlamentar do PP, Pedro Puy, indicou esta terza feira, 4 de maio, que unha vez remate o estado de alarma haberá que pedir permiso aos tribunais de xustiza se hai que adoptar medidas como a limitación de movementos e, se finalmente houbese que recorrer á xustiza, iso "non arranxaría, senón alongaría" os procesos de xestión.

Olalla Rodil (BNG) insistiu en que a Lei de saúde galega é unha "chapuza legal" e reclamou ao Estado que dote as comunidades "de máis ferramentas" para adoptar medidas antes a pandemia. Pablo Arangüena (PSdeG), insistiu en que o Consello de Estado "avala" a presentación do recurso de inconstitucionalidade da lei galega e avogou por "modificala", para non "restrinxir" dereitos fundamentais.

Un 'erro' atrasa a lei para a universidade privada 

Pese ao portavoz parlamentar do PP anunciar na segunda feira que o pleno da vindeira semana iniciaría a tramitación do proxecto de lei da Universidade Intercontinental da Empresa, a universidade privada impulsada por Abanca, e que os populares ben como “boa noticia”, finalmente non figura na orde do día do pleno por un erro de coordinación e previsión do PP, que non sentou ben no partido, segundo indican fontes do Parlamento a Nós Diario.

A cuestión é que a Xunta de Portavoces da Cámara decorreu onte sen que a Mesa da Comisión de Cultura, presidida pola popular Teresa Egerique, tivese cualificado e publicado as emendas á totalidade presentadas polo BNG e PSdeG, trámite ineludíbel para que o proxecto de lei vaia a pleno. 

Iniciativa Xabarín 

O pleno tamén debaterá a iniciativa popular promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e que recolleu máis de 33.000 sinaturas para instar a Xunta a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade a través dunha canle “Xabarín”. 

Críticas á sociedade que xestiona os Next Generation por excluír as mulleres

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, remitiu unha carta ao presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, demandando que rectifique a "insólita e incomprensíbel decisión" de que o consello de administración da Sociedade para o desenvolvemento de  proxectos estratéxicos estea composto exclusivamente por homes. Tamén desde o BNG e PSdeG expresaron a súa conformidade coa exclusión das mulleres desta sociedade articulada pola Xunta para seleccionar e impulsar proxectos de empresas que se candidaten a fondos europeos de recuperación Next Generation e cuxo consello de administración foi presentado publicamente antonte. 

"Os Next Generation... tamén sen mulleres?", escribía en Twitter a líder do Bloque, Ana Pontón, mentres que a deputada socialista Noa Díaz cualificaba de "inasumíbel" que o órgano careza de mulleres, algo que ve "propio dunha mentalidade machista do século XIX". Díaz, que avanzou a presentación de iniciativas no Pazo do Hórreo sobre este asunto, puxo o acento en que "a reactivación da Galiza non pode facerse excluíndo máis da metade da sociedade galega".

A cúpula da sociedade presídea o conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, e ten na Vicepresidencia o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Os seis conselleiros tamén son homes: Emilio Briquetas, director xeral de Raganosa; o titular de Facenda do Executivo galego, Valeriano Martínez, e o de Medio Rural, José González; José Eduardo Álvarez-Naveiro, directivo de Abanca; o ex presidente da Xunta Fernando González-Laxe, e o catedrático de Economía Aplicada Santiago Lago Penas. O secretario é o responsábel da asesoría xurídica de Abanca, Eduardo Cortizo.

Comentarios