Orzamentos de 2023

A actualización do IPC sitúa Atención Primaria 300 millóns por baixo de 2009

A situación da saúde mental e da sanidade centran a sesión de control ao presidente.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a líder do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, Luís Álvarez, no debate de onte no Parlamento. (Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a líder do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, Luís Álvarez, no debate de onte no Parlamento. (Arxina)

O presidente galego, Alfonso Rueda, avanzou onte no Parlamento que o orzamento para Atención Primaria en 2023 vai aumentar en 137 millóns, 10% de incremento respecto ao ano pasado, situándose en 1.500 millóns de euros. Unha cifra que, con todo, de aplicar o incremento do IPC experimentado desde 2009 (28%, datos do INE) deixaría as contas de 2009 para Primaria (daquela, 1.437 millóns) por riba das orzadas para 2023, xa que as partidas para ese servizo naquel ano suporían, de atender á evolución do IPC, 1.800 millóns na actualidade.

A sesión de control ao presidente no Parlamento galego volveu pivotar sobre dúas cuestións que afectan miles de galegos e galegas. Unha, a sanidade pública, leva anos con presenza no debate político. A outra, a saúde mental, é máis recente na ágora parlamentaria.

A oposición coincidiu en sinalar, a respecto de ambos os temas, a responsabilidade destes 13 anos de Gobernos continuados do PP na Galiza. Falta orzamento e falta persoal porque falta vontade política do Executivo, criticaron o BNG e o PSdeG.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, foi expondo dato tras dato do que cualificou como "a gran pandemia do século XXI" para recriminar ao Executivo galego que "mire para outro lado". 331 persoas suicidáronse na Galiza en 2021, 400.000 galegos e galegas toman tranquilizantes, 23% da poboación ten "un problema de saúde mental", o país é líder no consumo de antidepresivos e somníferos... E para facer fronte a isto, denunciou Pontón, na Galiza hai cinco psicólogos por 100.000 habitantes cando a media europea é de 18. Fai falla máis persoal e orzamento, remarcou a líder da oposición, que tamén incidiu na situación da saúde mental no ensino da Galiza, onde cada orientador atende de media 800 alumnos e alumnas. "A OMS (Organización Mundial da Saúde) considera que a cifra non debería sobrepasar os 250", dixo.

Ana Pontón lembrou ao presidente que "os galegos e galegas son os que se senten máis deprimidos de todo o Estado", e denunciou que na Galiza a saúde mental "depende da conta bancaria" para poder acudir ao psicólogo privado.

O presidente da Xunta defendeu o traballo desenvolvido nestes anos en saúde mental, e puxo como exemplo que a Galiza aprobou o Plan 2020-2024 de saúde mental. "Hai máis servizos que nunca en saúde mental", afirmou, recoñecendo que "non é abondo" e cómpre seguir a avanzar.

Contratacións

Rueda anunciou a intención da Xunta de contratar o ano próximo 61 especialistas máis en saúde mental, cun investimento de 2,6 millóns de euros, que tamén se recollerán nos orzamentos para 2023. Cos 125 xa contratados alcanzaranse os 186, polo que defendeu que se cumprirán os obxectivos do Plan de saúde mental.

Pontón aseverou a Rueda que a saúde mental non "se combate con propaganda". A nacionalista afirmou que "as propias declaracións" do presidente apuntan a que "a Galiza terá en 2024 oito veces menos profesionais dos que dicían que facían falta en 1997, cando falaban de 1.500".

Pola súa parte, Luís Álvarez, portavoz do PSdeG na Cámara, volveu centrar as súas preguntas ao presidente na sanidade pública ("é a terceira vez que o fago", recoñeceu). O portavoz recriminou a Rueda que o "seu amor pola Galiza é 'low cost' porque non contrata persoal para o sistema sanitario público" mentres "rebaixa os impostos" a grandes fortunas.

Álvarez reclamou ao presidente da Xunta que poña sobre a mesa “medidas urxentes” para resolver a situación da sanidade pública, provocada pola “decisión ideolóxica” de beneficiar o sector privado prexudicando a sanidade pública ou pola súa “falla de capacidade” á hora de dar resposta ás necesidades da Galiza.

"Hai un incremento drástico nas listas de agarda entre 2019 e 2022, con 30.000 persoas máis para consultas, 12.000 máis para cirurxías e 32.000 para probas diagnósticas, con agardas de catro meses en saúde mental". Rueda recriminou ao portavoz do PSdeG que presente a sanidade pública como "un caos" e volveu situar no Goberno estatal a principal responsabilidade de que non haxa profesionais médicos.

Comentarios