A Xunta Electoral sanciona a Consellaría de Sanidade polos SMS sobre subas salariais o último día da campaña

A pasada sexta feira, a 12 horas de que finalizase a campaña electoral, miles de traballadores do Sergas -incluídos os sanitarios en formación especializada- recibían SMS nos seus dispositivos móbiles que avisaba de que na nómina do mes de febreiro xa se lles abonaría o complemento de carreira profesional, así como o aumento do prezo das gardas e a aplicación do complemento de turnicidade, entre outros.
sms-web2
photo_camera SMS remitido ao persoal médico (Foto: Nós Diario).

A Xunta Electoral da Galiza acordou abrir un procedemento sancionador á Consellaría de Sanidade por enviar a pasada sexta feira, a dous días das eleccións galegas, mensaxes aos móbiles de traballadores do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para “informar” de subidas salariais aprobadas meses atrás e que se aplicarían na nómina de febreiro.

En concreto, despois das denuncias de varios partidos que concorrían aos comicios, agora este organismo electoral considera que a Consellaría non respectou "os principios de obxectividade e neutralidade" requirida ás Administracións.

A pasada sexta feira, a 12 horas de que finalizase a campaña electoral, miles de traballadores do Sergas -incluídos os sanitarios en formación especializada- recibían SMS nos seus dispositivos móbiles que avisaba de que na nómina do mes de febreiro xa se lles abonaría o complemento de carreira profesional, así como o aumento do prezo das gardas e a aplicación do complemento de turnicidade, entre outros.

Tras estas mensaxes, BNG e Sumar, entre outros, puxeron senllas denuncias por entender que este envío a menos de 48 horas de que abrisen as urnas supuña unha "campaña de logros" prohibida expresamente pola lexislación electoral. Pola súa parte, a asesoría xurídica da Xunta da Galiza xustificou que "o feche da nómina" se realizou o día anterior, xoves 15 de febreiro, e que o "habitual" é que o Sergas comunique ao persoal a data efectiva destas melloras mediante SMS.

Sanidade insistía en que o envío destas mensaxes ao persoal "non é unha novidade e utilízase habitualmente polo Sergas como medio de difundir información ou novidades". En 2023, remitíronse "perto de 200 comunicacións diferentes mediante SMS", recalcaba, para rexeitar que houbese unha infracción electoral.

Con respecto á carreira profesional, a Xunta argumentaba que estes abonos derivaban dunha convocatoria anual publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) do mes de agosto e que as solicitudes foron presentadas ata o 30 de setembro. De feito, o 26 de xaneiro deste ano, a administración informou de que xa estaban avaliadas as carreiras da "inmensa maioría" dos solicitantes.

No tocante ás outras melloras retributivas, pactáronse cos sindicatos o 20 de abril de 2023 e aplicáronse en dúas quendas: unha primeira desde o 1 de xullo e outra desde o 1 de xaneiro de 2024, aínda que non serían de aplicación ata a nómina de febreiro.

"Electoralismo"

Con todo, para a Xunta Electoral da Galiza estas alegacións "non son convincentes porque as mensaxes tiñan unha connotación electoralista". A pesar de que os SMS informan de melloras nas súas nóminas, "resultaba obxectivamente innecesario e inoportuno transmitilas de modo individual no curso dun proceso electoral, máxime cando o citado persoal recibiría esas modificacións retributivas sen necesidade de ningunha comunicación previa".

"Tampouco supuñan (as mensaxes) a posta en coñecemento do devandito persoal de ningunha medida para salvagardar o interese público", engade este organismo, porque as subidas foran aprobadas meses atrás.

Tampouco resulta "xustificábel que estas mensaxes fosen enviados o último día da campaña electoral desde a Consellaría de Sanidade", recalca, xa que os incrementos non ían facerse efectivos nin ese día nin nos inmediatamente posteriores.

"En aras da transparencia, neutralidade e obxectividade das institucións públicas, nada impedía que, de querer enviar a Consellaría estas mensaxes, o fixese despois de terminado o proceso electoral", subliña o texto. Este acordo da Xunta Electoral aínda non é firme e contra el cabe presentar recurso de alzada ante a Xunta Electoral do Estado.

Comentarios