18-F

O Sergas empezará a pagar este sábado, xornada de reflexión, o aloxamento e manutención de pacientes que teñan que desprazarse

O importe máximo será de 30 euros por persoa e día.
Orde publicada hoxe no DOG co Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo de fondo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Orde publicada hoxe no DOG co Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo de fondo. (Foto: Nós Diario)

O Goberno galego segue a abrir a 'chequeira' na recta final da campaña electoral e esta sexta feira vólcase cunha sanidade en pé de guerra, tanto por parte do propio persoal como das propias persoas doentes. Hoxe o Sergas empezou a enviar mensaxes SMS ás e os profesionais sanitarios para informarlles dos incrementos que comezarán a percibir desde agora nas súas nóminas. E tamén hoxe, o Diario Oficial da Galiza recolle unha boa nova en materia económica para os pacientes.

Con base nunha orde aprobada polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o pasado 8 de febreiro e publicada esta mesma mañá no DOG, o Sergas sufragará a partir deste sábado 17, xornada de reflexión e día previo ás eleccións galegas, os gastos de aloxamento e manutención de pacientes que deban desprazarse para se someteren a unha diagnose ou tratamento.

No tocante á 'quilometraxe', o sistema sanitario galego eleva a 15 céntimos por quilómetro a contía máxima que abonará nas viaxes de ida e volta desde o lugar de residencia até o centro no que vaia ser tratada a persoa, con independencia do medio de transporte utilizado. No caso de ter que facerse en avión, sufragarase o custo dos billetes de ida e volta, cun máximo de 300 euros por persoa.

E a maiores, como novidade, o Sergas empezará a pagar tamén os gastos derivados de aloxamento e manutención, "segundo o importe que figure na factura", cunha contía máxima de 30 euros por persoa e día. Para iso será preciso que o centro sanitario de destino estea localizado a 100 quilómetros ou máis de distancia do hospital de orixe do paciente, ou ben que teña que recibir un mínimo de dúas asistencias hospitalarias cun intervalo non superior a 24 horas que o obrigue a permanecer nesa área sanitaria ese tempo. O máximo será de 450 euros en total por persoa e mes.

Miles de maiores reciben ás portas das eleccións o carné+65

Tamén esta sexta feira, último día de campaña, ás caixas de correos de galegos e galegas de máis de 65 anos estalles a chegar o carné +65 da Xunta da Galiza, unha tarxeta que contempla toda unha serie de ofertas e propostas para este colectivo, que na Galiza integran ao redor de 800.000 persoas.

Comentarios