A Xunta Electoral insta Xácome a retirar carteis culpando a Xunta de danos na cidade

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome. (Foto: Europa Press).
photo_camera O alcalde de Ourense, Pérez Xácome. (Foto: Europa Press).

A Xunta Electoral Galega (XEG) estimou unha denuncia interposta polo PP e instou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, a retirar uns carteis instalados na cidade culpando a Xunta de distintos danos, á vez que lle apercibiu para que non repita esta actuación en época electora.

A denuncia do PP recollía que o Concello de Ourense instalara unha serie de carteis en diferentes puntos do municipio responsabilizando á Xunta de distintos danos. En concreto, neles podíase ler 'Concello de Ourense informa: Defecto na vía. Responsábel da súa reparación por defectos de execución Xunta de Galiza', 'Concello de Ourense informa: fonte avariada. Responsábel da súa reparación por defectos de execución Xunta de Galiza'.

Examinado o caso, a XEG estima a denuncia lembrando que os poderes públicos "atópanse vinculados a un deber de obxectividade e igualdade nas súas actuacións durante o período electoral", polo que "a inserción de anuncios en espazos ou lugares públicos deberá limitarse estritamente a proporcionar información de interese xeral".

Como se desprende da denuncia, as afirmacións contidas nestes carteis "non se atopan amparadas no artigo 50 da LOREX nin na Instrución 2/2011 do 24 de marzo, polo que, existindo, como se sinala na denuncia, críticas cruzadas entre as reclamacións do concello e o goberno galego, e concorrendo á contenda electoral a partido Democracia Ourensá, os carteis financiados polo concello nos que se responsabiliza á Xunta das deficiencias na cidade de Ourense, exceden claramente das actuacións que os poder públicos poden continuar realizando no período electoral".

Por iso, require o alcalde de Ourense a "que curse as ordes correspondentes para retirar de maneira inmediata os citados carteis", e advírteo de que "se absteña de levar a cabo unha acción semellante durante o proceso electoral" ou, pola contra, abrirase un procedemento sancionador.

Comentarios