18-F

A Xunta Electoral condena o "uso indebido" dun correo corporativo da Autoridade Portuaria por enviar propaganda do PP

O organismo estima tamén unha denuncia dos populares contra Gonzalo Pérez Xácome por colocar carteis con diferentes mensaxes culpando o Goberno galego de diferentes deficiencias e obras sen rematar.
O presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A Xunta Electoral da Galiza está a ter unha actividade frenética nesta campaña electoral, e mesmo desde antes de que principase de forma oficial o pasado 2 de febreiro. Na tarde desta quinta feira o organismo encargado de velar polo 'xogo limpo' nos procesos electorais deu a coñecer numerosas resolucións referidas a novas denuncias interpostas por BNG, PSdeG, PP, Sumar e Podemos por diferentes actuacións que consideraban contrarias á lexislación vixente.

Unha delas, a enésima condena ao Partido Popular, ten a ver co envío de propaganda desta formación a confrarías de pescadores e outras entidades desde un correo electrónico corporativo da Autoridade Portuaria de Vigo. O obxectivo era chamar a participar nun acto de campaña do presidente da Xunta da Galiza e candidato popular á reelección, Alfonso Rueda, o pasado 8 de febreiro.

Sumar puxo estes feitos en coñecemento da XEG, que acordou, nun auto con data desta mesma quinta feira, estimar parcialmente a denuncia, instando a Autoridade Portuaria a adoptar as medidas necesarias "para impedir que no sucesivo, durante o período electoral, se faga un uso indebido do correo do organismo público, respectando o principio de neutralidade política". Por vulnerar este mesmo principio a Xunta Electoral abriu xa dous expedientes sancionadores ao propio Rueda.

Por outra parte, a XEG estimou, tamén hoxe, unha denuncia interposta polo PP contra o alcalde de Ourense e líder de DO, Gonzalo Pérez Xácome, por colocar o Concello unha serie de carteis en diferentes zonas da cidade que incluían diferentes mensaxes culpando o Goberno galego de diferentes deficiencias e obras sen rematar. "Concello de Ourense informa: Defecto en la Vía. Responsábel da reparación por defectos de execución, Xunta da Galiza", rezaba un dos carteis. Outro, na mesma liña, aludían a unha fonte avariada.

Os populares consideraban que estas mensaxes "comprometen a neutralidade que deben cumprir os poderes públicos durante o proceso electoral", e a Xunta Electoral acordou estimar a denuncia e instar Pérez Xácome a cursar as ordes correspondentes para retirar de forma inmediata os citados carteis, "advertíndolle que se absteña de levar a cabo unha acción semellante durante o proceso electoral e da apertura dun procedemento sancionador no caso de que non atenda este requirimento".

A maiores, tanto a XEG como a Xunta Electoral Central optaron por arquivar, desestimar ou trasladar ao organismo competente outras denuncias cruzadas entre diferentes formacións políticas, así como a presentada por Podemos contra a decisión de RTVE de non convidar esta formación ao debate no que se enfrontaron a candidata do BNG, Ana Pontón, e o do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. O do PP, Alfonso Rueda, foi convidado tamén, mais declinou asistir.

Comentarios