A Xunta deixou sen executar 17 millóns de euros dos fondos para o acceso a vivenda

33% da dotación do programa de aluguer e compra non se aplicou, denuncia o PSdeG.
A Xunta volve introducir cambios na Lei de vivenda, xa modificada catro veces (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera (Foto: Xunta da Galiza).

Dous de cada tres euros dos fondos da Xunta para acceso a vivenda non se executaron: 17 millóns de euros dun total de 25,3 millóns. Diñeiro dun programa que ten como obxectivo facilitar o acceso, vía aluguer ou vía compra, a unha vivenda, un dereito que na Galiza carecen miles de persoas que desexan acceder a el. Segundo o propio rexistro de demandantes da Xunta, ao redor de 11.500 persoas están pendentes de acceder a unha vivenda.

A Xunta "tan só deu uso a 32,9% do orzamento dispoñíbel para este programa [de acceso a vivenda]", recolle o texto da pregunta que o PSdeG formula esta quinta feira no Parlamento ao Goberno galego. Unha falla de execución orzamentar que non se limita só ás contas do Executivo  correspondentes a 2021. No exercicio 2020 só se gastou 36% deses fondos de acceso a vivenda —que se elevaban a 28 millóns de euros— e en 2019 a porcentaxe de execución foi aínda máis baixa, 28%.

 "Que deixe eses cartos sen gastar cando hai miles de demandantes de vivenda e estamos nun contexto de suba de prezos é un desprezo", manifesta Begoña Rodríguez Rumbo, viceportavoz parlamentar do PSdeG.

Non é esta a única falta de execución orzamentar no que respecta á política de Vivenda. Alexandra Fernández, deputada do BNG, denunciou que a Xunta deixou sen executar 300 mil euros dun total de 840.000 da axuda estatal para favorecer o aluguer  a menores de 35 anos.  "O bono alugueiro só chegou a 280 persoas", criticou.

Para Begoña Rodríguez Rumbo, a política da Xunta "de deixar que o mercado se regule demostra non ser eficaz.

Sen política pública

Na Galiza hai —con datos deste mes— nove mil persoas á espera dunha vivenda de protección oficial de promoción pública. Delas, a gran maioría (7.800) demandan acceder en réxime de aluguer. Mais, cando remate este ano, o número de vivendas públicas realizadas pola Xunta da Galiza será de 64. 

En 2021 o número foi de 155. Tan só 5,26% dos novos fogares de nova construción na Galiza nese ano tiveron a cualificación de protexidos. Unha taxa que difire coa do conxunto do Estado español, onde a porcentaxe de vivenda protexida construída nese exercicio sobre o total, foi de 10,59%,

 Nos últimos cinco anos, entre 2017 e 2021, as vivendas totais desta tipoloxía rematadas na Galiza foi de 492, reducíndose a taxa sobre o total de fogares construídos a 4,13%. No mesmo período, en comparación, esta taxa multiplicouse por tres a nivel estatal, onde foi de 12,62%.

A escaseza ten consecuencias

A escasa vivenda protexida existente na Galiza ten, entre as súas consecuencias, que esta achega o seu prezo á do mercado libre. Agora páganse 50 euros máis de media por un piso protexido que en 2021. Así, o prezo medio por metro cadrado dunha vivenda protexida na Galiza alcanza máximos da última década, con 1.018 euros este ano, segundo datos do Ministerio de Vivenda.

A porcentaxe de persoas na Galiza que recoñecen que manteñen atrasos nos pagamentos dos gastos da vivenda pasou nestes dous anos de 5,6 % a perto de 9 %.

Comentarios