A Xunta avoga por unha Eurorrexión "máis ampla e protagonista"

Feixoo salienta a captación de 163 millóns para proxectos empresariais no acto en que cedeu a presidencia rotatoria do ente de cooperación a António Cunha.
Alberto Núñez Feixoo, onte, no XII plenario da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal (Foto: Ana Varela / Xunta).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, á dereita de António Cunha, no XII plenario da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal. (Foto: Ana Varela / Xunta).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, fixo nesta cuarta feira un balance "frutífero" dos seus catro anos á fronte da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, cuxa presidencia rotatoria pasa a ostentar o responsábel da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, António Augusto Magalhães Cunha.

Así o manifestou no XII plenario do ente de cooperación, decorrido en Salvaterra de Miño. Neste senso, o mandatario galego avogou por vertebrar unha Eurorrexión "máis ampla", coa inclusión nas súas dinámicas de traballo de empresas e universidades; "máis global", apostando pola lusofonía como vehículo de conexión coa Comunidade dos Países de Língua Portuguesa —na que recentemente ingresou o Estado español—; "máis protagonista", transmitindo o papel esencial destes territorios na Conferencia sobre o Futuro de Europa, e "máis extensa".

"Hoxe traspasamos a presidencia satisfeitos por presentarmos un balance frutífero en innovación, sostibilidade e mobilidade, convencidos de que terá continuidade", afirmou Núñez Feixoo, e salientou que, baixo o mandato da Galiza, impulsáronse 85 proxectos que se atopan actualmente en execución e que lograron mobilizar por volta de 63 millóns de fondos europeos.

Estas iniciativas, dixo, permitiron avanzar en ámbitos como a nanotecnoloxía, o envellecemento saudábel, a investigación de enfermidades neurolóxicas ou o crecemento azul —desenvolvemento sostíbel dos sectores mariño e marítimo—.

Aliás, puxo o foco na "potenciación da competitividade empresarial das pequenas e medianas empresas —pemes—", a través "da internacionalización e a dixitalización no rural", así como nas políticas que favorecen "unha Eurorrexión máis verde", con medidas contra os lumes forestais ou a promoción do Camiño de Santiago.

Tamén destacou o labor doutras entidades como as Eurocidades ou a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño.

Mellora de infraestruturas

No que concirne ás infraestruturas, Núñez Feixoo sinalou o "compromiso" dos Gobernos luso e español coa alta velocidade Lisboa-Porto e Porto-Vigo-A Coruña como "a maior achega" da Eurorrexión nos últimos anos. "Fomos quen de persuadir Lisboa e Madrid de que o fundamental en materia de infraestruturas de unión entre ambos os Estados é o eixo atlántico", asegurou.

Neste eido, demandou que o Nordeste Transmontano poida beneficiarse do AVE cunha autovía cara á estación da Gudiña e unha mellora nas estradas entre Celanova e a raia para mellorar a conexión con Braga.

No encontro tamén se comezou artellar o Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza 2021-2027, o novo plan co que ambos os territorios seguirán a fomentar investimentos en materias como as emerxencias sanitarias e biolóxicas, con programas de saúde pública e de servizos compartidos.

"Declaração de esperança en dias de incerteza"

Pola súa banda, António Cunha presentouse como un "europeísta convencido", e valorou o encontro como "uma declaração da profunda esperança na sua resiliência, nestes dias de incerteza". Aliás, instou a impedir un novo fechamento das fronteiras e lembrou os "laços históricos e culturais de fraternidade que unem galegos e nortenhos".

Comentarios