A pandemia, as infraestruturas e o turismo, prioridades da Eurorrexión galega e lusa

O plan de investimentos para os vindeiros anos está dispoñíbel para consulta pública. O documento radiografía unha área marcada polo paro xuvenil, o predominio das microempresas ou un baixo investimento en investigación e desenvolvemento.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o presidente do Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR-N), António Cunha nunha reunión o 28 de decembro de 2020 (Imaxe: Xunta da Galiza).
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o presidente do Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, António Cunha nunha reunión. (Foto: Xunta da Galiza).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o recén elixido presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do norte (CCDR-N), António Cunha, mantiveron esta segunda feira unha reunión para "relanzar" o proxecto da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

Fixérono un día despois de que a Xunta anunciase a publicación para consulta do Plan de investimentos conxuntos 2021-2027 no portal en liña da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galiza Norte de Portugal.

No encontro, Núñez Feixoo e Cunha repasaron as liñas de traballo da eurorrexión de cara a captar os fondos de recuperación 'Next Generation' da Unión Europea e tendo en conta o novo marco orzamentario europeo para 2021-2027.

No eido das infraestruturas ocupa un lugar principal a conexión ferroviaria entre ambas as beiras do Miño, logo de que o Goberno luso puxese o foco na construción dunha vía directa entre Porto e Vigo que acurtase os traxectos a 55 minutos. Un proxecto para o que cómpre o apoio do Goberno estatal ás necesarias obras da saída sur de Vigo cara a O Porriño.

A maiores, o Plan de investimentos conxuntos contempla a intermodalidade, coas conexións entre o ferrocarril e os aeroportos da Eurorrexión. Nese senso, o Goberno luso destacou así mesmo a integración do aeroporto Sá Carneiro na vía entre Vigo e mais Porto.

En canto ás infraestruturas viarias, o líder do Executivo galego defendeu a rehabilitación da ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monçao; o acondicionamento da estrada entre Celanova e a fronteira portuguesa ou a conexión por autovía entre o norte de Portugal e a estación da Gudiña do tren do futuro tren de Alta Velocidade entre Galiza e Madrid.

En canto á celebración do Xacobeo, Núñez Feixoo destacou o crecemento en número de peregrinos experimentado pola ruta portuguesa nos pasados anos. 

Eivas da Eurorrexión

Alén das propostas de investimento, o Plan de investimentos conxuntos que se aprobará na vindeira mesa de traballo da Eurorrexión realiza unha diagnose do contexto social e económico nas dúas beiras do Miño. Entre outras cuestións, destaca o alto paro xuvenil da Galiza, un "alarmante" 32,5%, e do Norte, 19% así os salarios baixos incapaces de retela.

O documento advirte dos escasos investimentos en investigación e desenvolvemento, 0,9 % na Galiza e 1,51% no Norte, ou da "hexemonía abafante das chamadas microempresas" a ambos lados da raia. 

Comentarios