martes 11/05/21

A Comisión Europea selecciona un proxecto para facilitar o emprego transfronteirizo na Eurorrexión

O proxecto foi seleccionado no marco da convocatoria de 2021 do programa b-Solutions, que xestiona a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE).
O río Miño marcando a fronteira (AECT).
O río Miño marcando a fronteira (AECT).

A Comisión Europea seleccionou un proxecto para facilitar o emprego transfronteirizo na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal no marco da convocatoria de 2021 do programa b-Solutions, que xestiona a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE).

A iniciativa seleccionada, presentada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galiza-Norte de Portugal (AECT), busca identificar mecanismos para eliminar obstáculos ou simplificar a posibilidade de compaxinar o emprego en ambas as marxes do río Miño, así como a contratación de persoas doutro país en modalidade de teletraballo.

Nun comunicado, a Vicepresidencia Primeira da Xunta lembrou que a fronteira entre Galiza e o Norte de Portugal é a que concentra unha maior poboación das de España e o país veciño e rexistra máis da metade do fluxo de persoas e vehículos, así como que representa a área cunha maior actividade económica e máis traballadores transfronteirizos.

Con todo, puxo o foco en que moitos trámites en materia de emprego supoñen un problema burocrático ao cruzar a fronteira, polo que o proxecto presentado pola AECT busca eliminar obstáculos ou simplificar procedementos problemáticos para persoal traballador e empresariado.

Adaptación de procesos

Neste sentido, sinalou que o aumento da interconexión socioeconómica na fronteira galego-portuguesa e a aceleración da irrupción do teletraballo causada pola pandemia implican que sexa preciso adaptar e simplificar os procesos de contratación dos estados español e luso.

Ante as consecuencias derivadas da pandemia e o fechamento de varios pasos na 'raia', resaltou a importancia de aumentar a cohesión territorial da Eurorrexión e incentivar procesos de modernización da relación das administracións coa cidadanía para garantir unha resposta adecuada ás súas necesidades e impulsar a recuperación socioeconómica, especialmente en zonas fronteirizas.

Estes obxectivos alíñanse cos marcados pola Unión Europea para o período 2021-2027 e atópanse reflectidos no Plan de investimentos conxuntos da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal 2021-2027. Así, mediante a AECT, aspírase a mellorar a conexión e a dixitalización desta zona fronteiriza e facilitar o traballo das administracións para mellorar a calidade de vida nestas áreas.

 

comentarios