A Xunta autoriza catro novos parques eólicos a Green Capital e dous a Enel

Un dos promovidos pola división de renovábeis de Capital Energy, Legre, será recorrido pola veciñanza e por varias explotacións gandeiras dos concellos afectados, Mesía e Oza-Cesuras.
Aeroxeradores no polígono eólico de Sil e Meda, en Esgos (comarca de Ourense). (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Aeroxeradores no polígono eólico de Sil e Meda, en Esgos (comarca de Ourense). (Foto: Agostime / Europa Press)

O Goberno galego vén de dar luz verde a seis novos proxectos eólicos que sumarán 136,3 megawatts (MW) aos arredor de 4.000 xa instalados actualmente no país. Son os parques denominados Legre, Rodeira, Alvite II e Vacaloura, da compañía Green Capital Power, e Monte Neme e Serra do Colmo, de Enel Green Power; deles dá conta o Diario Oficial da Galiza esta terza feira.

Os parques promovidos por Enel Green Power, a división de enerxías renovábeis da empresa matriz de Endesa, estarán compostos por un total de sete aeroxeradores e unha potencia de 38 MW. Así, o primeiro deles, Serra do Colmo, situarase nos termos municipais de Becerreá e Baralla, na comarca dos Ancares, e terá catro muíños que sumarán 20 MW. A compañía prevé investir 26,9 millóns de euros e estima que as instalacións producirán anualmente uns 48.179 MWh. Ou, o que é o mesmo, o consumo medio de 12.500 fogares en 12 meses —3,84 MWh/ano por vivenda, con base nos cálculos do IDAE—.

Monte Neme é o segundo proxecto autorizado a Enel e instalarase en Carballo e Malpica (Bergantiños). Contará con tres turbinas eólicas de 18 MW en total que fornecerán uns 63.665 MWh/ano, segundo a empresa —16.579 fogares—. Para iso investiranse perto de 14,5 millóns de euros.

Dos parques eólicos promovidos por Green Capital, a filial da Capital Energy de Jesús Martín Buezas —o ex xenro de Florentino Pérez—, o de maior envergadura é Vacaloura, que se proxecta sobre os concellos de Monterroso e Portomarín, nas comarcas da Ulloa e Lugo, respectivamente. Contará con sete aeroxeradores e unha potencia de 35 MW, cun investimento de 27,1 millóns e unha produción prevista de 88.809 MWh/ano.

O seguinte de maior tamaño, o denominado Legre, erguerá cinco aeroxeradores en Mesía e Oza-Cesuras (comarcas de Ordes e As Mariñas), cunha potencia total de 33 MW. Permitirá abastecer 89.535 MWh/ano e terá un investimento de 21,6 millóns de euros. Porén, este proxecto foi cuestionado desde os seus inicios por boa parte da veciñanza, agrupada na asociación A-Legre —Acción contra o Legre—. Este mesmo colectivo vén de anunciar, após coñecer o visto bo ao parque, que o recorrerá primeiramente en alzada e logo pola vía xudicial.

Tamén recorrerán máis dunha docena de explotacións gandeiras da zona, que non entenden, aseguran, "que non exista un informe desfavorábel por parte da Consellaría de Medio Rural polo efecto que pode ter sobre os animais, ó igual que tivo o parque eólico Gasalla", da mesma compañía. Este último proxecto é un dos catro nos que estaría, denuncian, "intencionadamente fraccionado o 'macroparque'" de Ordes, feito que tamén formará parte dos "argumentos de ilegalidade" que esgrimirán no recurso".

"A aprobación deste proxecto por parte da Xunta demostra unha falta de sensibilidade absoluta para coas persoas que vivimos no rural e un atropello dos nosos dereitos que será posto en evidencia polos tribunais competentes. A veciñanza loitando contra quen debería defendernos e velar polos nosos dereitos, vidas e patrimonio", subliñan, a través dun comunicado no que tamén instan os concellos afectados, nunha das zonas "máis ricas" para o agro, a acudir á vía xudicial.

Os outros dous parques aprobados a Green Capital son Alvite II, en Mazaricos, Negreira e Santa Comba (Xallas e A Barcala), con tres turbinas e 17,7 MW, un investimento de 11,1 millóns e unha estimación de 41.430 MWh/ano, e Rodeira, en Vila de Cruces e Lalín (Deza), composto por dous muíños de 12,6 MW, un investimento de 14 millóns e unha produciómn de 24.189 MWh/ano.

En total, con base nos cálculos do IDAE, estes seis novos parques producirían de media uns 355.807 MWh/ano, polo que poderían abastecer até 92.000 fogares. Os trece concellos nos que se situarán suman unha cifra próxima aos 100.000 habitantes.

Comentarios