O BNG propón un cambio de paradigma no modelo enerxético da Galiza

Aposta pola participación pública e por ordenar o desenvolvemento enerxético e denuncia a perda de 4.000 empresas e 7.000 empregos no sector 

bng foro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, abriu esta quinta feira o Foro Alternativa 24 Enerxía e Clima organizado pola formación nacionalista, unha reunión coincidindo coa cimeira do clima a ONU que se celebra en Dubai e coa que os nacionalistas pretenden analizar a situación de transición enerxética na Galiza.

Neste sentido, Pontón defendeu que a  Galiza está "a cumprir os obxectivos internacionais" para a transición ecolóxica, que, dixo, ten que ser "xusta, galega e a favor das maiorías sociais", polo que o país "pode parar a repensar" para "redeseñar o futuro", con 64% da produción enerxética é de orixe renovábel.

Así, precisamente una das cuestións que expuxo Ana Pontón neste foro foi a posibilidade de declarar como ben público o vento, de maneira que, do mesmo modo que se fai coa enerxía hidráulica, as empresas exploten este recurso natural en réxime de concesión.

Ademais, neste cambio de paradigma, o BNG propón unha empresa de enerxía 100% pública e que a enerxía "xere retorno no país", implicando ao tecido industrial, universidades e centros tecnolóxicos para tratar cuestións como o desenvolvemento tecnolóxico, a transferencia do coñecemento, plans de mellora da cadea produtiva ou o estudo de indicadores obxectivos de seguimento e garantir a vinculación coa Galiza.

"É o momento de sentar as bases para a Galiza que vén, que a enerxía se poña ao servizo da sociedade, da xustiza social e dun desenvolvemento sostíbel. Cremos que podemos facelo e que a Galiza necesítao", proclamou.

Na súa intervención, que precedeu a un debate e exposición da situación e futuro da Galiza, con membros de asociacións ecoloxistas e expertos, Pontón comprometeu un "novo modelo enerxético galego, respectuoso co territorio".

Así, apostou por un cambio de modelo de paradigma "fronte ao modelo do PP" que "desregula" o sector para "poór unha alfombra vermella aos lobbies enerxéticos". Así, a idea dos nacionalistas é "blindar a custodia ambiental, garantir a participación pública e ordenar o desenvolvemento enerxético para que a Galiza se beneficie do seu papel produtor".

Ademais da elaboración dun novo plan eólico sectorial e da declaración como ben de dominio público do vento, o BNG aposta polo impulso do autoconsumo e das comunidades enerxéticas, a vinculación da produción á creación de emprego e tecido industrial ou a creación dun polo de innovación e experimentación en enerxía con universidades, centros de investigación, Inega e tecido empresarial.

Durante a súa exposición, tamén achegou datos sobre a perda de postos de traballo e empresas na tecido industria-enerxía, que atribúe ao "modelo do PP". Así, dixo que en 2022 había rexistradas 4.000 empresas menos que en 2008 e 7.000 empregos menos que en 2009.

Pontón asegurou que a Galiza "está a tempo de facer as cousas doutra maneira, de facer ben as cousas", e que conta con "vantaxes": uns recursos "extraordinarios" para a xeración de enerxía renovábel (sol, aire e auga e exporta 40% da enerxía que produce), coñecemento e experiencia e a posibilidade de "parar e redeseñar o futuro", porque está a cumprir "a bo ritmo" os compromisos internacionais, xa que 64,4% da enerxía que produce é renovábel.

Pontón afirmou que o BNG quere "adiantar ao máximo un planeta máis limpo, planificar ben o que quere facer" sen "hipotecar ás xeracións futuras".

Comentarios