O BNG proclamará este domingo Ana Pontón: "É máis que a candidata do BNG, é a candidata do cambio"

O acto, no que a formación nacionalista espera reunir centos de asistentes, terá lugar no Multiusos do Sar, en Compostela.
LUCIA XAVIER ACTO ANA PONTÓN
photo_camera Lucía López e Xavier Campos co cartaz convocando o acto (Foto: Arxina)

Os responsábeis de Comunicación e a de Organización do BNG, Xavier Campos e Lucía López , presentaron esta cuarta feira o acto de proclamación de Ana Pontón como candidata á Presidencia da Xunta. "É máis que a candidata do BNG, é a candidata do cambio", salientaron O escenario elixido para este acto o Multiusos do Sar, un lugar no que o BNG xa protagonizou outros actos.

Para o BNG, "votasen o que votasen" os galegos e galegas nas eleccións estatais, a figura de Ana Pontón é a "referencia do cambio para unha inmensa maioría", é a "esperanza política, a candidata do cambio" e a referencia do cambio político".

Neste sentido, e tomando de novo o simbolismo de que Goretti Sanmartín é a primeira alcaldesa muller e nacionalista de Compostela, o BNG aspira tamén a que Ana Pontón sexa a primeira muller á fronte da Xunta da Galiza. "Estou certo de que volveremos facer historia, por primeira vez, cunha muller feminista e nacionalista", salientou Campos.

"O liderado de Pontón vai moi máis alá do nacionalismo: é a candidata para toda a sociedade galega que quere un cambio en Galiza", recalca Xavier Campos

A responsábel de Organización, que destacou a mobilización e apoio da militancia que "define sempre" ao BNG, apuntou que o acto do domingo é aberto a todas as persoas que se queiran achegar e esperan reunir centos de participantes.

O acto, que comezará o domingo ás 12 horas, estará conducido pola actriz Beatriz Campos e nel participarán representantes de todos os espectros sociais, desde o rural á innovación e ciencia pasando pola cultura.

Será, deste modo, un acto "potente" no que o BNG "vai a por todas sexa cando sexan que se convoquen as eleccións". "É necesario dar á Galiza un cambio que sirva para implantar as políticas diferentes, que defenda os intereses dos galegos e galegas fronte a un Goberno do PP que sempre funcionou ao servizo de Xénova”.

Comentarios