Un xulgado de Ferrol abre dilixencias por un presunto delito de prevaricación contra o alcalde e o seu concelleiro de Festas

A denuncia foi presentada por unha produtora por un presunto fraccionamento de contratos.

Ángel Mato, alcalde de Ferrol polo PSOE. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Ángel Mato, alcalde de Ferrol polo PSOE. (Foto: Xan Carballa)

O Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol incoou dilixencias previas tras unha denuncia presentada pola sociedade Cuarzo Producións Artísticas en relación ao alcalde de Ferrol e ao seu concelleiro de Festas por presuntamente fraccionar contratos.

A maxistrada, tal e como consta en documento xudicial ve unha "posíbel existencia" de delito de prevaricación administrativa no presunto fraccionamento dos contratos de festas do Concello de Ferrol.

A empresa presentou esta denuncia contra o alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSdeG), e o actual concelleiro de Cultura, Educación, Universidade, Deportes e Festas, Antonio Golpe, aos que acusa, tras a súa chegada ao goberno en 2019, de comezar presuntamente a fraccionar os contratos maiores, adxudicándoos como contratos menores.

Deste xeito, a denuncia estima que se estivo "esquivando a lei de contratos públicos de maneira fraudulenta, para non ter que sacar os contratos a un procedemento aberto con publicidade e así convidar exclusivamente a un máximo de tres empresas designadas de maneira directa desde a Concellaría".

Empresas afectadas

Segundo Cuarzo Producións Artísticas, este proceder "afectou a moitas empresas do sector, ao non realizarse un concurso público aberto con publicidade como estabelece a lei de contratos das Administracións, evitando a competitividade e a participación a todas as empresas interesadas en ofertar as súas propostas".

Así, a través dun comunicado, aseguran que na documentación achegada ao Xulgado destacan, entre outras moitas, a contratación da instalación e produción da carpa de Nadal de 2021 instalada en praza de Armas, "para a que realizaron 17 contratos menores por un importe total de 177.839 euros máis IVE”.

Tamén se destaca que, no verán de 2022, "adxudícanse seis contratos menores, o mesmo día, coa mesma empresa, cos mesmos importes, e para o mesmo evento por un importen total de máis de 35.000 euros”.

Esta situación de presunto fraccionamento de contratos, segundo a documentación achegada pola denunciante, dáse presuntamente "en máis de 60 contratacións da Concellaría de Festas durante esta lexislatura, por un importe de varios centos de miles de euros, á espera dos contratos que poden non publicarse na web de transparencia".

Reparos de Intervención

Tamén se asegura que "moitas das facturas presentadas á cobranza polas empresas contratadas directamente pola Concellaría de Festas non foran abonadas en principio polos reparos ao pago das mesmas por parte de Intervención", ao apreciar que "eran derivadas dun fraccionamento de contrato e, por tanto, os servizos facturados estaban contratados á marxe da legalidade vixente".

Con todo, recolle a denuncia, o alcalde, "a pesar das reiteradas advertencias de ilegalidade por fraccionamento do contrato por parte de Intervención, levanta reiteradamente o reparo e obriga a pagar as facturas".

Tamén se indica na denuncia que "gran parte das empresas adxudicatarias destes contratos menores son as mesmas durante a lexislatura" e que "se atopan vinculadas entre elas mediante os mesmos socios ou administradores, como se detalla en documentación que acompaña á denuncia".

É por iso que se reclamou ao Concello de Ferrol "copia cotexada dos expedientes íntegros dos contratos menores de servizos celebrados desde 2019 ata a actualidade" e "copia cotexada dos informes de Intervención que se emitiron en relación co abono das facturas polos devanditos contratos", así como as resolucións adoptadas para a aprobación do pago e o levantamento dos reparos por parte do rexedor.

Pola súa parte, Ángel Mato anunciou esta cuarta feira que o Concello de Ferrol emprenderá "accións legais" contra esta denuncia que considera "electoralista".

Comentarios