Iago Tabarés, número 1 do BNG ao Congreso por Ourense

"A xente comeza a ter consciencia de que Galiza precisa dunha forza política propia"

Iago Tabarés (Ourense, 1969) volve á primeira liña política despois do seu paso como parlamentar do BNG no Hórreo entre 2005 e 2009. Tabarés, que desenvolve a súa actividade profesional como avogado, lamenta que na anterior lexislatura Galiza non tivese "forzas políticas propias" en Madrid, coa "cabeza e o corazón no país". "Quedou relegada ao último punto da axenda de todas as formacións políticas que sacaron representación nos pasados comicios", denuncia o cabeza de lista do Bloque por Ourense. ​Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.

Iago Tabarés
photo_camera Iago Tabarés

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións?

O seu presente e o seu futuro. Galiza atópase na prórroga do partido. O que está en xogo é que Galiza teña voz propia e a capacidade de decidir e incidir no seu futuro: xógase perder, que teña que continuar noutros territorios; ou gañar o partido, que significaría ter voz e voto alí onde se deciden cousas sobre o noso dependendo de decisións que toman terceiros actores, persoas que teñen o corazón, a cabeza e os intereses territorio.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto Galiza?

Nestes días puidemos ver un resumo perfecto do que foi toda a lexislatura. O actual goberno de Pedro Sánchez, co beneplácito de Podemos e as súas formacións territoriais, aprobou uns orzamentos no que minguaban os investimentos para Galiza, reducindo as xa cativas previsións de exercicios anteriores.

Mentres Euskadi, gobernado por forzas políticas propias e con representación no Congreso dos Deputados, conseguía transferencias como a AP-68, o seguro escolar ou a lexislación de produtos farmacéuticos. Nalgúns casos, son exemplos análogos aos que, sistematicamente, se lles negan a Galiza.

Estes feitos vividos nas pasadas semanas son ilustrativos do que foi a pasada lexislatura. Galiza non tivo forzas políticas propias, que tivesen a cabeza e o corazón no país, e quedou relegada ao último punto da axenda de todas as formacións políticas que sacaron representación nos pasados comicios. Galiza, na anterior lexislatura, non estivo presente nin foi protagonista cando tiña que selo.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

O non exercicio do autogoberno, non asumindo novas competencias e mesmo a renuncia ao exercicio das que ten conferidas.

Os recortes nos dereitos da cidadanía, mesmo na calidade da democracia, deturpando e enlamando debates esenciais. Considero que é, actualmente, un grave problema ao que a cidadanía o día 28 de abril debe dar resposta. A negación da existencia de diferentes nacións, a falta de respecto ás distintas identidades, evidencia unha perigosa deriva que precisa dunha clara e democrática contestación cidadá.

O abandono dos nosos sectores produtivos, a falla de comunicacións internas que vertebren o territorio, a despreocupación polo tecido industrial galego: son factores que, de non ser corrixidos, lastrarán o futuro de Galiza e das galegas.

Que deputado ou deputada sería referente para o seu labor no Congreso?

Felizmente tiven moitos e moi bos exemplos de traballo político e institucional, polo que calquera singularización sería inxusta. Un paseo por Ourense é a enerxía que se necesita para tomar como referencia. Non hai tempo que perder e moito que loitar para conseguir que a vida das galegas e os galegos sexa moito mellor.

Cal é a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Moitas son as que se me veñen a cabeza, mais por ser algo no que traballei moito e, sen éxito no pasado, sería a dotación de xulgados de violencia machista nas setes cidades galegas.

Como ve as opcións do BNG na cita electoral?

Percibo moita alegría e ilusión ao redor. Creo que a xente comeza a ter consciencia de que Galiza precisa dunha forza política propia. Que defenda os intereses dos e das galegas e lle faga freo á dereita. É momento de comprometerse, xa non se pode perder máis tempo. Temos que traballar moito pero estou seguro de que os resultados do BNG serán sorprendentemente bos.

Comentarios