Vídeo

'Vinde, galeguiños, vinde': Xosé Luís Rivas, 'Mini', despide o 2023 no Parlamento a base de panxoliñas

Como afai facer en datas do Nadal desde que iniciara a súa traxectoria como deputado, o nacionalista Xosé Luis Rivas, coñecido como 'Mini' na súa faceta musical, quixo dedicar ás deputadas e deputados e xornalistas que seguían a sesión a intepretación dunha 'panxoliña'.
Xosé Luís Rivas 'Mini' interpreta unha panxoliña no Parlamento (Foto: Parlamento galego).
photo_camera Xosé Luís Rivas 'Mini' interpreta unha panxoliña no Parlamento (Foto: Parlamento galego).

O Parlamento da Galiza dixo adeus ao período de sesións e ao ano 2023 con varias chiscadelas á posibilidade de que a desta cuarta feira tamén fose a última sesión da lexislatura.

E despediuse cun momento protagonizado pola música no hemiciclo. Como adoita facer en datas do Nadal desde que iniciara a súa traxectoria como deputado, o nacionalista Xosé Luis Rivas, coñecido como 'Mini' na súa faceta musical, quixo dedicar ás deputadas e deputados e xornalistas que seguían a sesión a intepretación dunha 'panxoliña'.

'Mini' reivindicou a tradición musical galega vinculada ás festas do Nadal coa interpretación de 'Vinde, galeguiños, vinde', recuperada a década de 1970 por Fuxan vos Ventos, icónica formación da música galega da que o deputado formou parte.

O PP, en castelán

Finalizada a súa canción, que o nacionalista acompañou usando o seu corpo como percusión, a deputada do PP Paula Mouzo quixo dar a réplica a 'Mini'.

Animada polos seus compañeiros de formación e tras aclarar que optaría por unha peza en castelán, a parlamentaria natural de Camariñas arrincouse 'a capella' coa letra de 'Vuelve a casa, vuelve, o tema do anuncio publicitario dunha coñecida marca de turróns.

Concluído o momento musical, a vicepresidenta da Cámara, Elena Candia, encargouse de desexar felices festas aos parlamentarios antes de pór fin á última sesión do ano.

Comentarios