18-F | Vídeo

Martiño Noriega : "Non é menor que unha muller como Ana Pontón poida ser a primeira presidenta da Galiza"

O portavoz nacional de Anova grava un vídeo no que chama a participar para que o 18-F sexa a data do cambio para a Galiza.

Martiño Noriega
photo_camera Martiño Noriega, nun fotograma do vídeo. (Foto: BNG)

O portavoz nacional de Anova e ex alcalde de Compostela, Martiño Noriega, gravou un vídeo no que chama a votar o BNG o vindeiro 18 de febreiro. Unha gravación que se publica apenas un día despois da realizada por Xosé Manuel Beiras no mesmo sentido, e que se enmarca no apoio de Anova á candidatura de Ana Pontón nestas eleccións galegas.

“Toca escoller”, afirma Noriega a respecto da cita coas urnas deste domingo. E a escolla, resume, é entre a “realidade virtual” do Partido Popular ou “un presente e futuro construído con moitas mans” e que pasa pola papeleta nacionalista.

“Non é menor o cambio” que se pode producir o 18-F, afirma Martiño Noriega. Se ben, indica, “somos conscientes das limitacións da vía institucional”, ten claro que “non é menor que nese cambio o espazo soberanista e de esquerdas lidere o proceso”.

Como “tampouco é menor”, prosegue, “que unha muller como Ana Pontón poida ser a primeira presidenta da Galiza”. Unha afirmación que fai após lembrar que “somos moitas as persoas conscientes do grao de deterioro do noso país e das súas potencialidades” polas “políticas nocivas” aplicadas polo PP nestes anos.

“Eu mesmo, como médico de familia, comprobo día a día a deterioración dun servizo fundamental como é a sanidade pública”. Unha deterioración que “acontece con outros servizos, como o ensino”.

Estes anos do PP, sinala, supuxeron “o espolio dos nosos recursos naturais”, o “abandono dos nosos sectores produtivos” e a “degradación” do apio ás industrias culturais, entre outras cuestións. Un escenario, concluíu, que pode ser revertido este domingo e abrir unha nova etapa na que “aspiremos a vivir nun país xusto”.

Beiras

Xosé Manuel Beiras gravou un vídeo no que traslada unha mensaxe de apoio ao BNG e Ana Pontón de cara ao 18 de febreiro, dando así un paso máis na liña de compromiso que o histórico nacionalista está a desenvolver nesta campaña electoral para coa candidatura do BNG.

“Temos a oportunidade de desaloxar da Xunta da Galiza ao Partido Popular, que leva anos utilizando os poderes da autonomía galega ao servizo de aqueles poderes que proceden a espoliar o noso país, a tratalo como unha colonia e mesmo querer acabar co noso idioma”, afirma Beiras no inicio da súa mensaxe.

Comentarios