Victoria Núñez presidirá a xestora do PP de Ourense tras a marcha de Manuel Cabezas

Núñez é actualmente xefa territorial da Consellaría de Medio Ambiente e é filla do que fora un dos impulsores de Centristas de Galicia e primeiro presidente democrático da Deputación de Ourense, Victorino Núñez, quen tamén presidiu o Parlamento da Galiza co Partido Popular.
Asemblea do PP ourensán. (Foto: Europa Press)
photo_camera Asemblea do PP ourensán. (Foto: Europa Press)

A xunta directiva provincial do PP de Ourense vén de designar unha xestora no Partido Popular da cidade con Victoria Núñez como presidenta. O órgano rexerá o partido até a convocatoria dun congreso após a renuncia do que era presidente local, Manuel Cabezas. A xunta directiva provincial designou por unanimidade esta xestora nunha reunión na sede do PP de Ourense decorrida na tarde da segunda feira e á que asistiron o presidente do PP da Galiza, Alfonso Rueda; a secretaria xeral, Paula Prado; e o presidente provincial, Manuel Baltar.

Víctoria Núñez é actualmente xefa territorial da Consellaría de Medio Ambiente e é filla do que fora un dos impulsores de Centristas de Galicia e primeiro presidente democrático da Deputación de Ourense, Victorino Núñez, quen tamén presidiu o Parlamento da Galiza co PP. Licenciada en Dereito pola Universidade CEU San Pablo, ingresou como funcionaria de carreira no Corpo Superior de Administración Xeral da Xunta de Galicia en 2003. Ocupou distintos cargos de responsabilidade na Administración autonómica desde o 2003 até a actualidade, que exerce de xefa territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Formarán parte como vogais da xestora a conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivo; a viceportavoz terceira no Parlamento, Marisol Díaz Mouteira; a senadora Rosa Sánchez Gándara; o presidente de Novas Xeracións na cidade, Alexandre Novoa; e os ex concelleiros Mario Guede e Eugenia Díaz Abella. Ademais do director do colexio Divino Mestre, Álvaro Cid Bragado; os ex presidentes de NNXX na cidade, José Estévez; e a directora do centro de educación Epapu de Ourense, Ana Muñoz. E serán membros natos os concelleiros do grupo municipal afiliados á formación: Ana Méndez, Jorge Pumar, Noelia Pérez, Inma Moreiras, Miguel Ángel Michinel e Sonia Ogando.

Este órgano estará vixente até que teña lugar a convocatoria dun congreso e se designe un novo presidente local. Tanto a través da xestora como do grupo municipal, os populares destacaron que manteñen "firme" o seu compromiso de traballar pola cidade de Ourense, e seguir incorporando ás súas filas veciños e veciñas que desexen achegar novas ideas e proxectos de futuro para a urbe.

Como segundo punto da orde do día, designáronse os membros que representarán á directiva provincial na xunta directiva autonómica do PPdeG. En concreto, estarán integrados neste órgano María del Carmen González, María Teresa Barge, María del Carmen Yáñez, Mario Rodríguez, César Enríquez Cachín, Patricia Torres e Xosé Miguel Pérez Chemi.

Dimisión de Cabezas

A finais do pasado mes de agosto, o que fora candidato á alcaldía polo Partido Popular nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio no concello de Ourense, Manuel Cabezas, presentou a súa renuncia á acta de concelleiro e trasladou ao presidente Alfonso Rueda a súa vontade de deixar o liderado do partido na cidade en mans dos seus compañeiros.

Nas pasadas eleccións locais os populares situáronse como segunda forza, con sete concelleiros; por detrás de Democracia Ourensá, o partido de Gonzalo Pérez Xácome, que logrou dez edís e alcanzou a Alcaldía despois dun acordo de investidura co PP.

Comentarios