Vence chama a recuperar “a democracia secuestrada” e pide que se convoquen eleccións tras o verán

O portavoz nacional do BNG considera a situación actual “irrespirábel”, incidindo na necesidade de "dar voz ao pobo" perante a "podremia que deturpou os procesos electorais" . Fixo as declaracións na presentación dunha batería de iniciativas do BNG para esclarecer o que pasou e as responsabilidades no sinistro de Angrois

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

O BNG considera que a situación política e institucional actual é “irrespirábel” e “insostíbel”. Un escenario no cal o que cómpre é “restaurar a lexitimidade democrática porque “un Executivo corrupto, como este, non pode gobernar”. Así o manifestou o portavoz nacional nacionalista, Xavier Vence.

“Este baile de máscaras, de falsidade e de cinismo do PP está a indignar a cidadanía, que avoga por romper con esta situación”, apuntou Vence. “Cómpre darlle voz ao pobo para acabar coa podremia que deturpou os últimos procesos electorais”, engadiu o voceiro da fronte nacionalista.

Xavier Vence chamou á cidadanía a “recuperar a democracia secuestrada”

‘Queremos saber’.Batería de iniciativas do BNG sobre o accidente de Angrois

Vence fixo estas declaracións durante a rolda do BNG para presentar a batería de iniciativas que desenvolven os nacionalistas para preguntar sobre o sinistro ferroviario de Angrois.

“As declaracións contraditorias dos presidentes de Renfe e de Adif e as medidas de seguridade que se están adoptando poñen de manifesto que esas medidas de seguridade non estaban adoptadas, por iso é necesario botar luz sobre todos os factores”, sinalou a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez.

Comisión de Investigación

Así, o BNG presentou unha proposición de creación dunha comisión de investigación para deitar luz sobre o grave sinistro e sobre a situación das infraestruturas ferroviarias en Galiza. “As causas deben aclararse con veracidade, obxectividade e transparencia para que non volva acontecer nada igual”, sinalou Rosana Pérez, quen engadiu que esta comisión debe estudar, entre outras cuestións, o trazado do lugar do sinistro e os cambios de velocidade estipulados, a posibilidade de mellora dos sistemas de seguridade ou a idoneidade de aumentar a dous o número de maquinistas responsábeis de dirixir a locomotora.

A isto engádense toda unha serie de proposicións e preguntas en sé parlamentar, desde as relativas o sistema de freado até a sinalización

Comentarios