Vence anuncia a vontade do BNG de conformar unha "gran candidatura que leve a voz de Galiza a Bruxelas”

O portavoz nacional do BNG sinala, nunha entrevista na Radio Galega, que en breve haberá reunións con Compromiso, dentro da apertura de contactos con todas as forzas nacionalistas, e incide en que “este país precisa unha maioría nacionalista para facer fronte á crise”

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, anunciou que a fronte nacionalista pula por “conformar unha gran candidatura ás europeas que leve a Galiza a ter voz en Bruxelas e defenda outro modelo de Europa”. Vence realizou estas declaracións no transcurso dunha entrevista na Radio Galega. Anunciou,a preguntas do xornalista, que “nas vindeiras semanas” manterá contactos con Compromiso por Galicia e, inquerido sobres relacións con Anova, reiterou que o BNG considera que este país “precisa dunha maioría nacionalista” e que nesa liña “apostamos por unir todo o posíbel ao nacionalismo” para facer fronte a un escenario de crise económica e recentralización do Estado.

O portavoz nacionalista reiterou que “queremos conquerir para Galiza unha representación en Europa”,como un paso clave para a defensa dos intereses do país. Aliás, esa representación pularía en Bruxelas por outra Europa diferente á actual.

En clave nacionalista

Vence lembrou que desde o PP se está a impulsar unha serie de políticas centralizadores que teñen consecuencias directas que “laminan as competencias de comunidades autónomas” e “iso afecta á calidade de vida”.

En tal escenario, o BNG ten a obriga, considera, de “falar e explicar as nefastas consecuencias que supón non ter soberanía, non poder decidir nós sobre a política forestal, naval, pesqueira...”. Se algo ten demostrado esta crise, apunta, son as nefastas consecuencias de carecer de soberanía. De aí que é precisa a soberanía, pois non é un simple demanda ideolóxica senón unha ferramenta “que equivale a axudar a solucionar os problemas desta crise”.

Núñez Feijóo está a ser “o cómplice perfecto para a estratexia de recentralización e tirar competencias aos territorios”.

O portavoz nacionalista entende, aliás, que Núñez Feijóo está a ser “o cómplice perfecto para a estratexia de recentralización e tirar competencias aos territorios”.

Alonso Montero, que respecte

Na entrevista na Radio Galega tamén se lle preguntou a Xavier Vence polo cruce de declaracións co novo presidente da Real Academia Galega, Alonso Montero. O portavoz do BNG limitouse a pedir a Montero que “manteña un discurso acorde co seu cargo”, polo que “debe ser respectuoso e defender claramente o galego, que prestixie o idioma”.

Por iso, considera Vence, o novo mandatario da RAG debería de se abster de intervencións que “son expresións dunha visión clasista” do idioma.

Comentarios