18-F

É válida unha papeleta acompañada dunha imaxe pornográfica? O PP reclama contabilizar este voto anulado en Castro de Rei

Unha persoa depositou na urna o pasado domingo un sobre que contiña tanto a papeleta do PP como unha fotografía da cantante, actriz e modelo británica Samantha Fox espida.
Papeletas dos distintos partidos que concorren ás eleccions do 18-F. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas dos distintos partidos que concorreron ás eleccions do 18-F. (Foto: Nós Diario).

O PP de Lugo vén de iniciar os trámites para reclamar como válido un voto anulado pola mesa electoral o pasado domingo nun colexio de Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei, A Terra Chá) que contiña no interior do sobre, xunto á papeleta dos populares, unha fotografía de Samantha Fox espida.

Os membros da mesa electoral, unha das seis habilitadas nesta localidade, declararon nulo o voto durante o reconto, pero o PP interpuxo unha reclamación ante a Xunta Electoral para solicitar a validez do mesmo. "Nós temos un procedemento xenérico con todos os votos nulos para reclamalos co modelo de reclamación que temos, con independencia de cal sexa o motivo de nulidade do voto. Daquela a Xunta Electoral decidirá. Os apoderados e interventores non teñen a última palabra á hora de decidir se un voto é nulo ou non", explicou, en declaracións á axencia Europa Press, o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado.

O rexedor, que aclarou que a súa opinión a respecto da validez do sufraxio é "irrelevante" xa que a reclamación foi efectuada de acordo a un modelo xenérico cubrindo o formulario de reclamación e anexando a acta de escrutinio, indicou que será "o xuíz ou a xuíza" da Xunta Electoral quen teña que decidir "se o voto é válido ou non".

No sobre da discordia non figuraba tachado o nome de ningún candidato, tan só unha fotografía explícita de carácter pornográfico da cantante, actriz e modelo británica Samantha Fox acompañando a papeleta do PP encabezada nesta circunscrición por Elena Candia.

"A lei o que di é que os votos nulos son aqueles en os que se ofrece algunha dúbida sobre a vontade do propio elector. Eu non sei se é válido ou non. Hai casos máis e menos dubidosos, casos en que vén, por exemplo, o sobre cun recorte de xornal ou como este, que vén cunha fotografía que non é moi apropiada, e séguese o modelo xeral", argumentou Balado.

Comentarios