18-F | Exclusiva de Nós Diario

Denuncian un presunto caso de "carretaxe" en Sarreaus co coche do alcalde (PP): "Para a próxima conduzo eu mesmo cinco ou seis veces"

"O alcalde deixou o seu coche a un taxista xubilado da vila que estivo traendo xente todo o día; máis ou menos, unha viaxe cada hora. Foi un pouco escandaloso, ía traendo persoas maiores até a propia porta, nin co presidente do Goberno", relata a 'Nós Diario', ironizando co sucedido, un veciño da localidade que documentou graficamente a xornada electoral.
Varias capturas de pantalla do vehículo que o alcalde de Sarreaus recoñece que é seu transportando veciños e veciñas de idade avanzada. (Fotos: Cedidas)
photo_camera Varias capturas de pantalla do vehículo que o alcalde de Sarreaus recoñece que é seu transportando veciños e veciñas de idade avanzada. (Fotos: Cedidas)

A sombra da chamada 'carretaxe' paira sobre cada proceso electoral na Galiza. Ao longo da xornada do domingo transcenderon varias imaxes de monxas trasladando supostamente votantes aos colexios cos sobres de votación xa na man, e á redacción de Nós Diario chega agora en exclusiva unha nova denuncia no concello de Sarreaus, na comarca da Limia. Neste municipio goberna o Partido Popular con maioría absoluta, con oito escanos fronte a un do BNG. E este domingo os resultados foron na mesma liña.

O PP obtivo nestas eleccións ao Parlamento da Galiza 491 sufraxios, o 66,44% do total, por volta de 151 para o BNG (20,43%), 67 para o PSdeG (9,06%) e 25 para outras formacións políticas (3,36%), así como 5 votos en branco (0,67%) e 6 nulos (0,8%). A participación, aliás, foi especialmente elevada e alcanzou o 74,20%, case sete puntos máis que a media galega. Mais un veciño, Xabier Garaloces, que documentou graficamente boa parte do acontecido durante a xornada electoral, pon en tea de xuízo o proceder dos representantes 'populares' e mais, afirma, do propio alcalde, Gumersindo Lamas, no principal recinto de votación, situado na parte baixa das dependencias do Concello.

"O alcalde deixou o seu coche a un taxista xubilado da vila que estivo traendo xente todo o día; máis ou menos, unha viaxe cada hora. Foi un pouco escandaloso, ía traendo persoas maiores até a propia porta, nin co presidente do Goberno", ironiza, en declaracións a este xornal. Nalgún dos casos, afirma, as persoas que "carretaban" parecían non estar en plena posesión das súas facultades: "Unha señora que viña coa súa parella achegóuseme algo desorientada e chamoume 'netiño'", di. Sempre o mesmo vehículo, que parece ter unha intensa actividade durante o día.

Algunha destas persoas, como se pode apreciar nos vídeos, baixaba do vehículo xa co sobre de votación na man e preparado para depositar na urna; a outras, sinala o denunciante, "dábanllo ao entrar no recinto" os representantes do PP que actuaban como interventores ou apoderados. "É incríbel a naturalidade coa que se viven estas cousas. Eu son de cidade, nacín en Ourense e vivín en Vigo, e escoitara casos así, pero nunca o vivira en primeira persoa", comenta.

Os vídeos están gravados no exterior do edificio, un lugar público, mais iso non impediu que se lle encarasen algúns dos representantes 'populares'. Xabier e mais un membro do BNG puxeron o caso en coñecemento da Garda Civil, que acudiu até en dúas ocasións ao longo do día e informou de que, se querían denunciar, deberían facelo diante da comandancia de Trasmiras. E unha vez dentro do colexio, após constatar en varias ocasións a "carretaxe", trasladárono tamén á mesa electoral, cuxo presidente dixo que consultaría á Administración o que podían facer.

E no medio do balbordo, explica Xabier, "baixa o alcalde, que estaba no seu despacho", como se pode sentir no vídeo facilitado a Nós Diario. En plena discusión, este veciño di con ironía: "O que diga o señor alcalde, que é o que manda". E o presidente da mesa responde: "O que manda aquí son eu". O alcalde, pola súa parte, aféalle uns supostos xestos realizados cara a el, e o diálogo entre ambos os dous continúa.

—Que ten que facer vostede como alcalde [aquí]?
—Eu non estou como alcalde, eu estou como interventor do PP... ou sexa, apoderado, digo. Eu estou como apoderado do PP, non estou como alcalde, ou é que non entendemos que aquí son as eleccións e que eu aquí son un apoderado?

A discusión prosegue e o rexedor volve atribuírlle os "xestos" cara a súa persoa:

—O dos xestos estes dígocho porque se llos fas a outro méteche unhas hostias (sic).

Unha terceira persoa intervén para facer un chamamento á calma, e Xabier, dirixíndose ao alcalde, apunta:

—Eu vexo que ao mellor están interesados en que non se produza esta denuncia. Porque ao mellor son parte interesada; ao mellor son os donos do vehículo.

A réplica do rexedor chama a atención deste veciño:

O vehículo é meu, pero xa che dixen que nas seguintes —polo contexto presuponse que se refire ás vindeiras eleccións— conduzo eu, home, conduzo eu. Xa está, que problema hai? Vouno conducir eu na seguinte. Poste aí, e vasme ver entrar a min cinco veces aquí, ou seis —enténdese que trasladando votantes ao recinto electoral—. E xa está, acabouse a historia.
—Moi ben —, di Xabier.
—E se queres denunciar, sabes que iso hai que facelo alí na Garda Civil e non aquí. Pois non veñas aquí a presionar á xente.

Dentro do recinto de votación, afirma o alcalde, "non houbo problema ningún". Finalmente, Xabier e mais o representante do BNG optaron por anexar un escrito de denuncia á acta electoral. "É sorprendente como se ve como algo normal, quero que se denuncie nos medios para que non se volva repetir no futuro", sinala o veciño a este xornal.

Comentarios