Deputado e director da AECT Rio Minho

Uxío Benítez: "Fondos transfronteirizos estanse a derivar a outros fins"

Esta sexta feira terá lugar en Viana do Castelo (Portugal) a Cimeira Ibérica 2022 entre o Estado español e o luso. Desde a Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, deputado e director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, analiza as reivindicacións do territorio da raia occidental. 

O deputado Uxío Benitez (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado Uxío Benitez (Foto: Nós Diario).

—É a primeira vez que unha cimeira destas características ten lugar en territorio do Miño. Que expectativas hai nesta ocasión?
Desde a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho agardamos que por primeira vez se traten aspectos que teñan que ver cos problemas e a realidade das fronteiras. Polo feito de realizarse en Viana do Castelo, unha cidade do territorio que acolle a AECT, e tamén polos traballos de reivindicación e demanda da importancia da fronteira do río Miño, agudizada coa problemática do feche de fronteiras na pandemia. 

Pensamos que, por primeira vez, tamén comezamos a ter receptividade por parte dos Gobernos dos Estados. Hai que ter en conta que a fronteira do río Miño é a máis importante que hai entre o Estado español e o Estado portugués. Sendo un 5% da fronteira total,  pasan máis de 50% de vehículos.

É a máis dinámica a nivel social e económico, ademais de ser a que ten máis potencial de desenvolvemento. Hai que entender a singularidade e a relevancia que ten esta zona contando coa súa situación xeoestratéxica no centro da Eurorrexión entre dúas cidades como Vigo e Porto.

—Que proxectos deberían incluírse como prioritarios para a zona nesta cimeira?
Unha das cuestións que propomos é que, dalgunha maneira, se cree un foro no que os Estados teñan en conta a opinión das entidades locais que fan cooperación todos os días. Estas entidades ser escoitadas polos Estados ao ser elas que viven o día a día da fronteira.

Alén diso, pensamos que o territorio do río Miño reúne as características, pola súa singularidade, para que se poida crear un investimento territorial integrado no que se acheguen fondos de diversa índole. Temos a Estratexia 2030 que está participada por toda a sociedade miñota con innumerábeis proxectos polo que cremos que é necesario que os Estados creen un investimento territorial nesta zona. 

Recentemente no programa Poctep delimitáronse as áreas funcionais e o río Miño quedou excluído. Nós pensamos que ten que haber un proxecto ao que se lle dediquen fondos europeos. Demandamos proxectos completos como a conectividade e a mobilidade sustentábel transfronteiriza. Por exemplo o parque da Amizade e a ponte peonil entre Cerveira e Tomiño. Ou tamén a mellora da mobilidade entre A Guarda e Caminha sobre a que estamos realizando agora mesmo un estudo.

Despois, pensamos que ten que haber un compromiso coa mellora ambiental e saneamento integral do río Miño. É o único espazo transfronteirizo que ten a protección de Rede Natura 2000 e polo tanto os Estados teñen que pórse a melloralo. Se o río non fose fronteira xa estaría realizado.

—A demanda dos fondos Poctec xa é histórica. Cre que se atenderá a petición desta vez?
De momento o programa operativo xa foi aprobado. Deseñado polos Estados español e portugués co consentimento das comunidades autónomas, sen facerlle caso ás indicacións da Comisión Europea que recomendaba que os territorios deses programas se gastaran nos territorios próximos á fronteira.

Nestes momentos entran nel cidades como A Coruña, Lugo, Sevilla ou Valladolid. Cremos que é unha inxustiza. A historia o que desvela é que cada vez máis os fondos europeos transfronteirizos foxen da fronteira e empréganse para asumir gastos correntes das Administracións e non para proxectos de desenvolvemento territorial para desfacer as fronteiras, cando é o motivo polo que foron creados.

Naceron para compensar os territorios que durante centos de anos non se puideron desenvolver por estar na fronteira. Non responden a unha estratexia conxunta, son alianzas tácticas para captar diñeiro e gastalo nos gastos das Consellarías e outras entidades. O máis paradigmático é que noutros fondos hai unha concorrencia competitiva e neste caso a Xunta da Galiza, que é quen presenta máis candidaturas, é quen está no comité de valoración deses mesmos fondos.

Comentarios