O AECT Rio Minho exixe a Portugal que aclare a situación real da 'raia' fronte á Covid

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho vén de reclamar ao ministro da Administración Interna de Portugal unha reunión para que aclare cal é a situación da fronteira entre a Galiza e Portugal. Considera que é “imperioso” aplicar o estatuto das persoas traballadoras transfronteirizas.

Un dos pasos transfronteirizos entre a Galiza e Portugal. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un dos pasos transfronteirizos entre a Galiza e Portugal. (Foto: Europa Press)

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) instou esta cuarta feira ao ministro da Administración Interna de Portugal a aceptar unha reunión de carácter “urxente” entre ambas entidades para aclarar cal é a situación da fronteira entre a Galiza e Portugal, as posibilidades de viaxes que hai e, sobre todo, como afectan as novas medidas tomadas polo Estado veciños ás e aos traballadores transfronteirizos.

O vicedirector deste organismo, Uxío Benítez, traslada que se considera “imperioso” aplicar con carácter “urxente e efectivo” o novo Estatuto das persoas traballadoras transfronteirizas e a Tarxeta de cidadanía transfronteiriza.

O representante asume que as restricións van ir mudando segundo evolucione a pandemia, pero destaca que a cidadanía miñota debería ter un carácter excepcional.

Precisamente nese sentido, demandaron unha reunión para pedir ao Goberno luso que estipule claramente as limitacións e teña en conta “o impacto económico e sociocultural que as medidas restritivas carrexan para o cotián transfronteirizo”.

“Máis que nunca é imperioso aplicar, con carácter urxente e efectivo”, di Benítez sobre o uso práctico do acordo plasmado na última Cimeira Luso-Española, o novo Estatuto do traballador transfronteirizo, así como a  posta en marcha dunha Tarxeta de Cidadanía Transfronteiriza, que poida ser a base do desenvolvemento dun programa-piloto que promova a simplificación da vida das persoas da raia para que no futuro, se houbese necesidade de volver fechar as fronteiras, estas persoas non volvan a ser afectadas.

Confusión e prexuízos sen compensar

Esta estratexia é unha resposta á “profunda preocupación” que existe no seo da AECT, pois as medidas anunciadas desde Portugal para permitir a mobilidade desde Galiza por vía terrestre levaron a “un ambiente de gran confusión”.

Polo que afirman, hai distintas interpretacións ás peticións de presentar unha PCR negativa ou un test de antíxenos tamén negativo para acceder ao país. Aliás, isto “contribúe a desestabilizar e comprimir a dinámica social e funcional” dos territorios da raia.

Así, o tamén deputado de Pontevedra, lembrou que após seis meses de feche (parcial) de fronteiras en 2020 e 2021, divididos en dous períodos, os prexuízos económicos afectaron ás cerca de 13.000 persoas traballadoras transfronteirizos existentes na fronteira do Alto Miño coa Galiza.

Igualmente lamentou que os miles de negocios que integran a economía transfronteiriza “nunca foron resarcidos polos respectivos Estados, a pesar das reivindicacións, polo que o AECT Rio Minho defende un réxime de excepción para estes territorios fronteirizos en que a realidade de cooperación e de repartición son un exemplo na Unión Europea”.

Comentarios