Fondos transfronteirizos están a empregarse fóra da Raia

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño), un instrumento de cooperación integrado pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, non quere permitir que os fondos Poctep “sexan investidos en territorios que non sexan transfronteirizos”.
Representantes institucionais da Galiza e Portugal asinaron unha declaración conxunta onte en Tui. (Foto: Deputación de Pontevedra)
photo_camera Representantes institucionais da Galiza e Portugal asinaron unha declaración conxunta onte en Tui. (Foto: Deputación de Pontevedra)

O territorio do Miño transfronteirizo abriu hoxe “unha guerra reivindicativa” para reclamar que os fondos do próximo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza de España-Portugal (Poctep) 2021-2027 da Unión Europea (UE) se destinen realmente e de maneira prioritaria ás zonas de fronteira. 

Consideran que 75% dos fondos debe investirse no territorio a menos de 50 quilómetros da raia e que debe crearse unha convocatoria específica para un proxecto centrado na rexión do Miño. 

Como primeiro acto de forza, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, Manuel Batista, o director da AECT Río Miño, Rui Teixeira, e mais o vicedirector deste ente e deputado de Mobilidade na Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, xunto a máis dunha vintena de Alcaldías e Presidencias de Cámara das localidades de ambas as marxes do Miño, asinaron esta terza feira en Tui unha declaración conxunta coa reclamación.             

O documento sumase ás alegacións presentadas nos meses anteriores e será remitido tanto á UE como aos Gobernos de España, Portugal e a Galiza, entidades que desenvolveron as bases do programa operativo, aínda pendente de aprobación definitiva.

As reivindicacións, anunciaron, non pararán na vía institucional: nas vindeiras semanas porase en marcha unha campaña divulgativa e organizaranse máis actos públicos.

Na reunión deixouse claro que a petición do territorio do Miño de solicitar os fondos Poctep ten un dobre motivo. O primeiro, que os fondos europeos de Cooperación Transfronteiriza naceron no seu momento para compensar os territorios de fronteira por non poder interrelacionarse economicamente debido aos límites administrativos.

Por isto, afirmaron, non ten sentido que, como acontece agora, se admitan como territorios beneficiarios zonas como Sevilla, Córdoba ou Valladolid, ou todo o territorio portugués salvo a área metropolitana de Lisboa, todas elas lonxe da fronteira

O segundo motivo para reivindicar os fondos Poctep para os territorios da raia é a urxente necesidade de compensación polo fechamento de fronteiras durante a pandemia da Covid, que creou un duplo impacto económico negativo nunha zona pola que pasa máis de 50% do tráfico entre os Estados español e portugués.

Compromiso intitucional

O director do AECT Río Miño, Rui Teixeira, xunto co vicedirector do ente, Uxío Benítez, explicaron que a declaración asinouse para defender as 376.000 persoas da rexión do Miño e as 13.000 que traballan aos dous lados da raia.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, afirmou que “non estamos dispostas a asumir que os fondos Poctep sexan investidos en territorios que non son transfronteirizos” e exixiu a todas as Administracións "compromiso con estes fondos".

Comentarios