A UPG convoca o seu XVI Congreso Nacional para o vindeiro 7 de xullo coincidindo co 60 aniversario da súa fundación

"O debate asemblear nas zonas desenvolverase após as eleccións europeas, así como as sesións do Comité Central preparatorias do Congreso", anunciou o partido.
Iria Carreira, Néstor Rego, Montse Prado, Rubén Cela e Bieito Lobeira, da dirección política da UPG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Iria Carreira, Néstor Rego, Montse Prado, Rubén Cela e Bieito Lobeira, da dirección política da UPG (Foto: Nós Diario).

O Comité Central da Unión do Povo Galego (UPG) anunciou esta sexta feira a convocatoria do XVI Congreso Nacional da UPG para o 7 de xullo de 2024, segundo acordou o órgano do partido o pasado 20 de xaneiro de 2024, que fica pendente de estabelecer o lugar onde decorrerá.

Segundo salientou a organización, "as convocatorias dos últimos procesos electorais recomendaron adiar o noso Congreso Nacional a unhas datas que permitisen desenvolver os traballos congresuais dunha maneira adecuada e coa implicación activa do conxunto da militancia".

Desta forma, "o debate asemblear nas zonas desenvolverase após as eleccións europeas, así como as sesións do Comité Central preparatorias do Congreso", continuou este partido que naceu en 1964 e cumpre seis décadas este mesmo ano.

Neste sentido, o Congreso do partido, "será una oportunidade para fortalecer a posición partidaria, en defensa dos traballadores e traballadoras galegas e para avanzar na loita que está a realizar o nacionalismo pola hexemonía social a camiño da soberanía", destacou a formación nacionalista.

"Animamos, por tanto, o conxunto da militancia da UPG a participar activamente no proceso congresual e a convidar as persoas simpatizantes que tamén o queiran facer", concluíu o partido nun comunicado que fixo chegar a toda a súa militancia.

"Momento positivo do nacionalismo"

"O Congreso foi adiado, correspondería telo realizado no ano 2023, mais a sucesión de procesos electorais fíxoo difícil, e por tanto houbo que pospoñelo. Ademais, a realización do XVI Congreso coincide co 60 aniversario da fundación da UPG en 1964, mais en todo caso, coincide sobre todo cun momento positivo do nacionalismo en que sobre a base da coherencia política e ideolóxica do traballo desenvolvido ao longo da última década, que o levou a superar momentos difíciles e situarse como unha forza emerxente e que ten capacidade para seguir crecendo e camiñar no obxectivo da hexemonía social no noso país", salienta Néstor Rego, o secretario xeral da UPG desde hai 12 anos, a Nós Diario.

"Sentímonos lexitimamente orgullosos de ter contribuído, xunto con outros moito compañeiros e compañeiras no BNG, a este proceso. O que queremos agora neste Congreso é enfrontar as análises que corresponden coa situación política da Galiza e as posicións do nacionalismo neste contexto, para que iso permita definir liñas de actuación adecuadas para o futuro que permitan continuar avanzando no obxectivo da conquista da hexemonía social no camiño da soberanía do noso país", explica Rego.

Contexto internacional

"Tamén é fundamental profundar nas análises sobre a situación internacional e, en concreto, do Estado. Ao longo dos últimos catro anos desde a realización do último Congreso da UPG, houbo moitas mudanzas que aconsellan facelo", continúa o secretario xeral do partido.

"Estamos nun contexto de crise social e económica como consecuencia principalmente da política belicista impulsada polo imperialismo e asumida sen complexos por parte da Unión Europea", agrega o líder da formación nacionalista.

"Isto fai oportuno que fagamos unha diagnose adecuada tamén de cal é o contexto internacional, porque ao fin e ao cabo é un contexto no que está inxerido do Estado español, e por tanto nós como país tamén estamos afectados", sinala Rego.

Fortalecemento do partido

"A idea máis importante, para alén desas análises, é que o partido debe fortalecerse, política e ideoloxicamente, mais tamén no plano organizativo", afirma o líder da UPG. "Debe medrar, e neste sentido poñemos moito o foco na mocidade", explica.

"Os mozos e as mozas deben facer unha contribución especial a este proceso, tamén porque sabemos que ese crecemento do partido vai contribuír a seguir expandindo o conxunto do nacionalismo neste país", salienta Rego.

60 anos de historia

"Nestes 60 anos de historia, a UPG sempre xogou un papel moi importante dentro do conxunto do nacionalismo galego, en moitos momentos absolutamente determinante, e sempre con xenerosidade co conxunto das correntes e das forzas soberanistas que existen no noso país", asevera o líder nacionalista.

"Así o fixo no momento no que se constituíu o Bloque Nacionalista Galego, e fíxoo tamén co concurso de toda a súa militancia e de todos os seus cargos políticos desde esa altura e nos últimos 42 anos até aquí", salienta o secretario xeral da UPG.

"Ese segue sendo o noso obxectivo, nós como partido temos unha actuación importante dentro da sociedade , e por iso queremos fortalecernos para contribuír ao conxunto do nacionalismo para seguir avanzando", acrecenta. "E para ese avance do soberanismo galego tamén é importante que a UPG saía fortalecida deste Congreso", conclúe Rego.

Comentarios