Parlamento

Cuarto intento: unanimidade no Parlamento galego para reclamar a transferencia da AP-9 á Galiza

É a cuarta vez que a proposta para xestionar o viario sae do Parlamento.
Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande (Foto: Punto GA / M. Riopa).
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande. (Foto: Punto GA / M. Riopa).

A transferencia da titularidade e das competencias da AP-9 iniciou esta terza feira a súa cuarta singradura cara ao Congreso dos Deputados e das Deputadas, logo de que o Parlamento galego aprobara por unanimidade a nova lei para o seu traspaso, incluíndo desta volta unha serie de demandas en materia económica ao Estado español.

A Cámara galega aprobou esta terza feira cos votos a favor das tres forzas políticas que a integran –PP, BNG e PSdeG– o ditame emitido pola Comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, sobre a proposición de lei que será remitida ao Congreso español, onde se votará o traspaso da transferencia da AP-9 á Galiza. Unha iniciativa que partiu do PP, cuestión que foi esta terza feira cuestionada tanto por BNG como por PSdeG, que acusaron o grupo de Goberno de acelerar a tramitación "sen diálogo e sen negociación" ante o inminente remate do período lexislativo.

A deputada socialista Patricia Otero incidiu en que os populares "tan sequera" quixeron "nin valorar" as emendas propostas polo PSdeG, "xa non digamos aprobalas". Otero denunciou o apuro do trámite afirmando que "o PP está a facer como o mal alumno: estudando a noite antes do día do exame". Con todo, a deputada do PSdeG investiu boa parte do seu tempo de intervención a pór en valor as "mellores bonificacións" alcanzadas pola súa formación no acordo entre PSOE e BNG para investir Pedro Sánchez, destacando as bonificacións do 75% para as persoas usuarias recorrentes, non só da AP-9, senón tamén da A-53. 

Da mesma maneira, o deputado do BNG Luís Bará cualificou a iniciativa do PP de "lavado de imaxe", un "exercicio de contorsionismo na argumentación", e un "intento de expiación", en referencia ás dúas veces que os populares vetaron a transferencia da AP-9 á Galiza no Congreso español, logo de ser aprobada tamén por unanimidade no Parlamento galego.

As 'cero' transferencias

O deputado da formación nacionalista reprochou ao PP ser responsábel da ampliación da concesión da Autoestrada do Atlántico e ser protagonista "dunha das imaxes máis vergoñentas" da historia da AP-9 –a foto da inauguración da ampliación da ponte de Rande, na ría de Vigo, o último día legal que permitía á empresa Audasa aumentar o prezo das peaxes–. "Gobernan vostedes para os intereses das concesionarias", afirmou. "Non son vostedes de fiar", engadiu Bará, para referirse ás "cero transferencias conseguidas" nos 14 anos e medio que o Partido Popular leva gobernando a Xunta da Galiza. 

A pesar de avanzar o voto a favor da súa formación, Bará afirmou que o BNG "non se conforma": "Queremos unha AP-9 galega e libre de peaxes", concluíu o deputado.

Finalmente, polo PP, o deputado José Manuel Balseiro iniciou a súa intervención "pedindo perdón" á Cámara "polo lamentábel espectáculo que acaban de presenciar", en referencia aos reproches cruzados entre BNG e PSdeG nas quendas anteriores. "Queremos deixar atrás o pasado e falar do que nos une en vez do que nos separa", dixo, para logo "envolverse" en galeguidade para demandar "unha AP-9 galega e libre de cargas", incidindo así na necesidade de que a transferencia veña "acompañada" dos recursos necesarios para a súa "correcta explotación". 

Comentarios