Vox confirma que concorrerá ás eleccións para "facer fronte á imposición do galego" e ás "políticas feministas estériles"

Os ultraespañolistas ven a Xunta "secuestrada desde hai anos" por un PP "rendido a políticas propias de gobernos de esquerdas".
O líder de Vox, Santiago Abascal, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O líder de Vox, Santiago Abascal, hoxe, no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A formación ultraespañolista Vox confirmou esta cuarta feira a súa intención de concorrer ás próximas eleccións galegas para "promover un cambio" na Xunta da Galiza, que ve "secuestrada desde hai anos" por un PP "rendido a políticas propias de gobernos de esquerdas" e que deixou "orfos políticos" miles de galegos. Para o partido que lidera Santiago Abascal, Galiza necesita "máis que nunca" afrontar políticas que "axuden a paliar os problemas reais dos cidadáns", como a crise económica ou o crecente despoboamento que afecta sobre todo o rural galego.

Vox trasladou nun comunicado que é necesaria "unha resposta clara e contundente" aos problemas que preocupan aos galegos e que é precisa "unha boa xestión dos servizos públicos, acabar coas duplicidades de administracións, a defensa firme dos postos de traballo ou a soberanía enerxética, entre outras medidas".

Entre outras cuestións, a formación de extrema dereita defendeu que o país "debe deixar atrás as políticas feministas estériles", así como "o crecente adoutrinamento nas aulas ou a imposición lingüística do galego en determinados ámbitos". Fronte á intención doutras formacións políticas de "intoxicar a opinión pública", Vox asegurou que estará presente nas próximas eleccións galegas para "cambiar o rumbo" da Galiza, "como xa está a facer nos executivos autonómicos nos que ten presenza".

O PP pediu que non se presente

Días atrás, aínda como vicesecretario de Organización dos populares, o actual portavoz da formación liderada por Alberto Núñez Feixoo no Congreso, Miguel Tellado, deu a entender que Vox non debería concorrer ás próximas eleccións e que tería que entender que o obxectivo común é "plantar cara" ao PSOE e a Pedro Sánchez. "Non fagamos o idiota", apelou daquela.

Pola súa parte, preguntada recentemente acerca de se había algún tipo de diálogo coa formación que dirixe Abascal para a cita coas galegas que toca en 2024, a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, evitou pronunciarse en relación a contacto algún e defendeu que o PP está centrado na procura de preservar a "estabilidade" no país que, remarcan cada día os populares, facilita a maioría absoluta que teñen na Cámara galega.

Até o momento, en todas as citas electorais —galegas, estatais e municipais— nas que participou Vox non logrou representación agás unha única edil no concello de Avión o pasado 23 de maioLilian Cerdeira.

Comentarios