Rosana Prieto (BNG)

"Temos a oportunidade histórica de lograr escanos no Congreso e no Senado por Lugo"

Rosana Prieto Florines é a candidata número 1 do BNG ao senado por Lugo.
Rosana Prieto defende que o "voto útil" o 23 de xullo é ao BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rosana Prieto defende que o "voto útil" o 23 de xullo é ao BNG. (Foto: Nós Diario)

—Como afronta o BNG as eleccións do 23 de xullo?
Como un reto, que no caso de Lugo é unha oportunidade histórica de lograr representación no Congreso e no Senado, e de ter grupo parlamentario. É unha campaña complicada para as forzas non estatais, o discurso do bipartidismo o que quere é restarlle ás formacións que non nos presentamos en todo o Estado.

—Que hai que mudar no Senado?
O Senado é unha Cámara de representación territorial. Ten que abrirse o debate, ou desaparece o Senado ou se lle dota de usos reais para a poboación. Agora só serve para fiscalizar en parte o traballo do Congreso, non representa os diferentes territorios e é utilizado polos partidos con hexemonías territoriais para beneficio partidista, como Feixoo.

—A aterraxe de Feixoo como senador danou a imaxe da Cámara?
Prostitúe totalmente a idea do Senado. Cámara territorial, de elección directa, listas abertas, que  reserva de representación autonómica dos parlamentos. Que a utilice un señor para a súa proxección e non defenda ningunha cuestión relativa ao territorio que representa é prostituír as institucións en beneficio propio. Paréceme gravísimo. Se quere debater con Sánchez non fai falla que prostitúa a representación da Galiza.

—A campaña está polarizada, que ten que facer o BNG neste escenario para lograr un grupo forte en Madrid?
O BNG defende os intereses da Galiza, iso sobre calquera outra cousa, e así é como hai que formular o voto. Sei que hai xente que vota na coordenada esquerda-dereita, pero o BNG é garante de que a Galiza conte, de pór no centro o debate e a axenda galega, os nosos problemas de cada día e as nosas especificidades.

—O resultado do 28-M foi moi bo para o BNG, cre que esa tendencia seguirá nestes comicios?
É máis complicado, pero todo o que supón un problema supón unha oportunidade. Hai un falso bipartidismo, ao PP cómprelle Vox e o PSOE precisa de Sumar. Estariamos falando dun goberno de coalición. Nesta situación é máis importante aínda ter un grupo parlamentario propio por primeira vez na historia, unha oportunidade para facer valer os intereses galegos. O voto útil é ao BNG.

—Se é senadora, que deberes da Galiza e Lugo levará a Madrid?
Somos a periferia da periferia. Os problemas máis graves é o reto demográfico e hai que pór Lugo no mapa. Estamos illados do Cantábrico, da Meseta pola A-6, a estrada 120 con Ourense está nun estado calamitoso, é un problema para o desenvolvemento socioeconómico. Xa me dirás como se exporta a lousa de Meira se temos cortada a A-6.

Comentarios