18-F | Audio

As Tanxugueiras sobre o 18-F: “É hora de que goberne unha muller”

O grupo galego confesa durante unha entrevista nunha emisora catalá a súa querenza porque “nos represente unha muller”

Tanxugueiras recollen os galardóns en Mallorca (Foto: Panorámica Agency).
photo_camera (Foto: Panorámica Agency).

Tanxugueiras non paran e continúan a ser un dos grupos galegos de referencia no conxunto do Estado. Concertos, entrevistas, galas... ao longo da Península indican que o trío mantén o seu pulso musical.

Nunha destas entrevistas, Tanxugueiras non só falou de música, cultura e lingua, senón que tamén houbo tempo para parolar sobre as eleccións galegas. Foi no ‘Catalunya nit’, informativo nocturno de Catalunya Ràdio, a cadea pública catalá e a preguntas do seu presentador.

“Que pensades que vai pasar o domingo nas eleccións galegas”, pregúntalle. “Pode pasar de todo, non o temos moi claro”, confesan as integrantes do conxunto que deu un novo pulo á música galega de raíces tradicionais. “Está todo moi apertadiño”, engaden.

“Está a cousa interesante”, repregunta o presentador. “Teño unha corazonada que non vou dicir”, responde entón unha das integrantes do grupo, “e na que teño todo o meu amor”. Chegado a ese punto, a artista prosegue e afirma que “a ver se, por fin, temos unha muller ao mando”.

“Non ías dicir nada e dixéchelo todo!”. Recrimínalle entre risas outra integrante do conxunto. “Hai varias [mulleres candidatas] eh?”. Apunta entón a aludida, que conclúe: “É hora de que nos represente unha muller, até aí podo ler”.

Lingua

Con anterioridade, e nesta mesma entrevista, Tanxugueiras mostraran a súa preocupación pola situación do galego. “Cada vez o falan menos nenos e nenas, corre risco de desaparecer”, alertaban. “A lingua tería que estar máis protexida”.

Comentarios