Suspenden unha comisión no Congreso tras a frustrada expulsión dun deputado de Vox nunha rifa sobre o galego

Figaredo (Vox) queixouse de que Rego (BNG) utilizaba o galego sen tradución antes de que o deputado nacionalista puidese autotraducirse, como dita o regulamento

O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, esta cuarta feira. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, esta cuarta feira. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

A Comisión de Industria e Turismo do Congreso, que preside Inés Granollers (ERC), suspendeu a súa sesión esta cuarta feira tras un incidente polo uso de linguas oficiais sen tradución, a consecuente protesta do ultraespañolista Vox e a frustrada expulsión do portavoz dos de Santiago Abascal.

O incidente produciuse ao debater unha iniciativa do PP sobre o apoio á industria electrointensiva. O deputado do BNG, Néstor Rego, fixo a súa intervención en galego, o que xerou a protesta do portavoz de Vox no Congreso, José María Figaredo, ao non existir servizos de tradución simultánea na sala. Porén, a crítica de Figaredo, que interrompeu as palabras de Rego, produciuse antes de que o deputado do BNG tivese tempo a autotraducirse. 

E é que a Mesa do Congreso estabeleceu un protocolo o pasado mes de xaneiro, que estará vixente polo menos até este verán, para que o uso de tradución simultánea fora pedido con días de antelación e que, cando non estiver dispoñíbel, os deputados que empreguen as linguas oficiais diferentes do español deben autotraducirse ao español ou ben entregar a súa intervención traducida con suficiente antelación para que o coñezan os e as demais deputadas.

Figaredo queixouse de que "non se estaba cumprindo o acordo da mesa" e a presidenta da comisión chamouno á orde nas tres veces que Figaredo interrompeu Rego na súa intervención, o que supón a súa expulsión. Ao ordenar o seu desaloxo por desacato á autoridade da Presidencia da Comisión, o deputado do ultraespañolista Vox negouse a abandonar a sala e Granollers suspendeu a sesión uns minutos, tras o cal volveu dar a palabra ao deputado do BNG, que tivo que dar por concluída a súa intervención sen ter a oportunidade de autotraducirse.

Na sala estaba presente a deputada de Sumar Esther Gil, que é integrante da Mesa do Congreso e que asegurou que a presidenta da comisión tiña autoridade para expulsar un deputado que estaba impedindo o correcto funcionamento da xuntanza e que a sesión non podía continuar "coma se nada". "Non podemos continuar nestas circunstancias, se non, isto xa se desmonta", resolveu.

Así as cousas, a sesión parou de novo uns minutos para que os portavoces se puxeran de acordo, pero non houbo maneira e a presidenta anunciou o fin da sesión culpando a Vox por "falta de respecto" á Mesa e a Presidencia da comisión. "Perdoen as molestias e agradezan aos seus compañeiros o respecto á Mesa e ás institucións", remachou.

Comentarios